Opinión

Lista máis votada

Feijóo volveu sacar a cínica e tramposa proposta de "deixar gobernar a lista máis votada" nos Concellos. E fíxoo alardeando de "constitucionalismo" dende Cádiz, reivindicando a tradición liberal fronte ao "sanchismo" enmarcado, segundo el, nunha corrente "iliberal" de carácter transnacional.

O rostro de cemento armado non pode ser meirande cando é o PP quen pacta coa extrema dereita, declaradamente iliberal, que forma parte dun movemento internacional desdemocratizador. E fíxoo un día despois de facer alusións veladas á "triple A" –por Almeida, Ayuso e "absoluta"– nun acto de partido, nunha clara ambigüidade da que sempre fixo bandeira: vestido de moderado con guiños e, finalmente, políticas de goberno que atraen a votantes de ultradereita.

Pero, alén diso, invocar a suposta estabilidade de que goberne a lista máis votada dende a condición dun partido que, na Galiza, pactou facer alcalde a Jácome en Ourense por non deixar gobernar ao PSdeG ten, canto menos, chiste.

Indo á proposta –non nova en Feijóo–, hai que resaltar que ter a condición de lista máis votada xa está primado nas eleccións municipais, tanto por un sistema de reparto de escanos que non é puramente proporcional, como polo artigo 196-c da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, pois se ningunha persoa candidata obtén maioría de votos dos e das concelleiras, queda proclamado Alcalde ou Alcaldesa quen encabece a lista con máis votos –resolverase por sorteo en caso de empate–.

Así é Feijóo: sen se despeitear, é quen de deostar os pactos e acordos políticos falando de liberalismo e parlamentarismo moderno.

Este ano de maratón electoral asistiremos ás mostras de trilerismo do candidato Núñez Feijóo. Na Galiza xa estamos de volta e media pero non, aínda, no ecosistema mediático da capital española.

Comentarios