Opinión

A importancia da pena

A pedra posúe unha importancia case máxica dende tempos inmemoriais. Ben sexa na súa mínima expresión en forma de area (sobre todo esa que nos proe no zapato propio) ata as moles graníticas do Porriño; como negar a súa necesidade á hora de fundar igrexas, marcar lindes, afiar metais ou abalar en Muxía?

A pedra posúe unha importancia case máxica dende tempos inmemoriais. Ben sexa na súa mínima expresión en forma de area (sobre todo esa que nos proe no zapato propio) ata as moles graníticas do Porriño; como negar a súa necesidade á hora de fundar igrexas, marcar lindes, afiar metais ou abalar en Muxía?

"Porén Xibraltar continúa a xerar máis comentarios e indignación ao sur do Golfo de Biscaia que a cuarcita ilegal de Muras e a súa substituta brasileira que recobre a grandiosa Cidade da Cultura".

Unha das cousas que máis me sorprendeu nestas pasadas vacacións non foi ver a importancia dada a unha rocha no Telexornal, senón que a pena fose allea. Con tanto Xibraltar para arriba e para abaixo comecei a dubidar da actualidade dos xornais ingleses aos que boto unha ollada diaria e veume á cabeza aquilo de que cada quen conta a festa segundo lle foi nela. Debe ser que os deste reino non quedaron moi convencidos coa orquestra porque nin un só día a colonia foi portada, e nos dous que acadou o estatus de noticia, nunca superou a sétima posición.

Porén Xibraltar continúa a xerar máis comentarios e indignación ao sur do Golfo de Biscaia que a cuarcita ilegal de Muras e a súa substituta brasileira que recobre a grandiosa Cidade da Cultura. Coitadas das nosas penas, as de Rodas ou as de carne e óso, que nin pagando para seren contadas son quen de acadar o ruído das importadas.

Prácticas infantís

"Penso no empobrecemento do traballo asalariado e neses rapaces catando un anaco da futura escravitude moderna que lles agarda entre raíces cadradas e comentarios de texto".

Un dos poucos privilexios de traballar de noite son as cores que preceden o acordar da besta. Observar o ceo partido en dous e como moi de vagar a metade máis clara vai gañando terreo sobre a escuridade ata que de súpeto ... o estoupido de vermellos e laranxas tinta un ronsel de nubes anunciando outro amencer. Despois, ven o ruído. O mundo a espreguizarse, a máquina devoradora de humanidade a quentar motores.
Ás veces paréceme que estou a gardar un lume, coidando que non esmoreza, vixiante, para logo deixalo nas mans diúrnas que avivará esas pequenas lapas ata lograr a cacharela que alumee outra longa xornada. Pero as mans nas que deixo o fol ultimamente son pequeneiras e moi noviñas, non hai rastro aínda das queimaduras que sen dúbida virán. Os donos, estudantes de secundaria en horario escolar. A materia, experiencia laboral.

Polo pouco que lles logrei arrincar da súa timidez adolescente souben que se trata dun novo proxecto educativo no reino baseado en oito horas semanais de obrigado cumprimento. Tampouco quero saber máis. Non consigo evitar un cambra de tristura no espiñazo cando lles dou as costas de boa mañá namentres abrillantan vasos na cociña. Penso no empobrecemento do traballo asalariado e neses rapaces catando un anaco da futura escravitude moderna que lles agarda entre raíces cadradas e comentarios de texto. Penso tamén no espellismo de fartura que disfraza cada paso. E penso sen querer na última carta do meu benquerido Viñós concello de Arzúa, amigo e filósofo de cabeceira; un breve tratado arredor do traballo e as súas pantasmas actuais. “Non nos pagan para pensar” dicía. Será mellor ir parando. 

Comentarios