Opinión

De Caamaño, da casa de Franco

Hai quen nace inmortal, coma ela. Polo simple feito de que a recordamos día si e día tamén; recordar, do latín re-cordis, volver pasar polo corazón. E si, unha persoa non morre mentres haxa outra que a recorde, pois como esquecer a quen se quixo, de quen se aprendeu, con quen se compartiu.

Hai quen deixa unha pegada na area e o mar non fai máis que esluíla, pero hai quen fai da súa pegada petróglifo na epiderme do país, polo sorriso, pola loita, polos ideais, pola forza e mesmo pola retranca.

Fachendosa do seu, moitas e moitos podemos lembrar que cando a presentaban como a señora Franco, ela adoitaba dicir que Franco si, de franqueza, non coma o “defuntiño”. Fachendosa das súas orixes, Caamaño, porque só alguén que presume do propio pode valorar tamén o alleo. Sufriu os desvelos da emigración en carnes propias, pois foi filla de emigrantes, por iso defendeu sempre un futuro digno e na terra para quen nos precede. Neta de quen soubo sempre que o sangue é roxo e o corazón está á esquerda, que salvou o pelello por ter un irmán no bando contrario, pero que lle trasladou á descendencia que só hai un bando no que se pode militar, no bando da xustiza. Alguén que sabía dos coidados, pois coidou a quen velaba na distancia pola prole dos fillos, esa avoa á que venerou con paciencia e dozura infinita; eses coidados cara a quen aleitou no celme do mundo, na lingua, na pertenza a unha nación, nun sentimento, nunha cultura. 

Así a lembramos os que a quixemos, como esa muller afouta, que sempre tiña tempo para todos e todas, que dende a súa posición na administración pública buscaba solucións en troques de poñer atrancos, tan próxima, que para ela todos os días da semana eran días de traballo se con iso podía mellorar a calidade de vida das persoas, prestándolle sempre ouvidos a aquelas asociacións que acudían á área de Benestar Social, Igualdade da Deputación da Coruña, pois vía estas áreas como parte fundamental para un bo desenvolvemento da sociedade na que nos tocou vivir, defensora de que os cartos públicos hai que empregalos no que verdadeiramente se precisan, sen malgastalos e sobre todo apoiando as persoas máis desfavorecidas. Poñendo os medios necesarios na súa área para ofrecer formación e sensibilizar a quen se achegaba a estes programas que tentaban facer deste país un lugar mellor no que vivir, apelando á responsabilidade propia e á responsabilidade cara aos demais. Soubo dende nova que se queremos mellorar as cousas temos que implicarnos, para así poder reclamar xustiza, benestar e orde social e por iso atopou no BNG uns dereitos que cumpría defender para facer desta terra un país vizoso, cheo de oportunidades, solidario… e nel atopou tamén familia, amizade, loita e ideais.

Sobre a inmortalidade tense escrito moito, pero o que queda claro é que é unha chama infinita, coma a da dignidade e a honestidade, que non se apaga con nada, que se acrecenta co tempo, que deixa pegada, coma ela, coma a nosa Ánxela Franco Pouso.

Comentarios