venres 30/07/21

Pelotas e amnesia

A miña conclusión tras a morte de Diego Armando Maradona é que ser moi seareiro dalgún deporte como o fútbol ou mesmo o baloncesto pode producir episodios de amnesia.

Non se entendería senón que no día do seu falecemento, o pasado 25 de novembro, tantos responsables políticos, institucionais e referentes culturais enchoupasen as súas redes sociais con lamentos e homenaxes ao astro arxentino.

Igual que aconteceu coa morte de Kobe Bryant, autor confeso de violación, os éxitos indiscutibles de Maradona coa pelota valeron novamente para destapar o que o meu xuízo é unha falsa conciencia arredor da violencia exercida contra as mulleres e a asunción e normalización do estado patriarcal.

Que pouco disimulo e que perversidade maridar no día contra a violencia machista nun mesmo muro mensaxes violetas coa exaltación da figura de Maradona. Unha exaltación que, repasando esta fin de semana as publicacións, na maior parte dos casos foi máis alá da súa incuestionable capacidade co balón.

Algúns deberían reflexionar sobre a figura dos seus heroes e mitos... Menos mal que temos a Paula Dapena, a xogadora de fútbol pontevedresa que esta pasada fin de semana non dubidou en ser consecuente coa súa conciencia e sentou negándose a participares no minuto de silencio convocado en sinal de loito polo adeus de Diego Armando Maradona.

Como di Paula, “para ser xogador hai que ser primeiro persoa”, ser un deus no manexo do balón non vale para que che perdoen todo tipo de barbaridades fóra do campo, especialmente aquelas que atentan contra a integridade de persoas, nomeadamente mulleres e mesmo menores de idade.

De nada vale predicar contra o machismo se normalizamos conciencias a conveniencia. O rédito de admirar e louvar a figuras do deporte é moi elevado polo que a pesares dos milleiros de comentarios e respostas de mulleres aos chíos dos políticos neste país ningún se molestou en borralos. Que veñan logo a poñerse lazos violetas e a gardar minutos de silencio.

comentarios