mércores 05/05/21

Queixarse

Na TVG, un destes días apareceu unha nova na que se comentaba que a poboación, a consecuencia da pandemia, estaba máis irascíbel. Para confirmalo, entrevistaban  viandantes preguntándolles se sentían esa diminución de paciencia allea e a intransixencia coas teimas dos demais. Todos contestaron que si. Logo argumentaban as posíbeis causas tales como a incertidume, o medo ou a falta de empatía. Ningún recoñeceu ser portador e non só sufridor deses cambios. O mal sempre é o dos demais.

Coñezo un señor obsesionado con que se peche a porta do seu edificio. Escoita cando se abre, agarda uns minutos e se o portazo posterior non se produce, aparece escaleiras abaixo para pechala. Pega carteis, pide a palabra nas xuntas de veciños, coméntao como quen non quere a cousa cando atopa algún pola rúa… E é que as portas fixéronse para estar pechadas.

Outra pasa os días atenta a que, cando cortan a herba os do lado, non lle pasen co fío da desbrozadora pola estrema. A pedra non se gasta pero non quere. Realmente parece que non lle chega o día no que toca cortar para ter lea.

E logo están aqueles que os sábados e domingos acenden a desbrozadora, a motoserra ou incluso a rebarbadora, sobre as 8 da mañá, para arranxar os seus asuntos ata as 11 ou 12. Cando xa ninguén pode descansar, remata a xornada.

As enfermeiras que asumen unha severa carga de traballo e un aumento de exposición ao virus

Tamén están as nais que protestan polas ratios do alumnado e o profesorado que ergue a voz polo mesmo motivo e algún máis. Ou quen protestan porque os autobuses van atestados de rapazada sen a mínima distancia e, por suposto, non organizados por aulas. Ou quen se atopa co problema da conciliación agravado pola pandemia sen comedores ou extraescolares que lles resolvan levemente algunhas horas ao día.

As persoas que viven das extraescolas ou de atender nos comedores os nenos tamén anda berrando porque non poden traballar ou teñen que facelo nunhas condicións, canto menos, pouco desexábeis.

Logo están os cidadáns que esixen unha Atención Primaria presencial e os sanitarios que piden máis persoal para poder atender os seus pacientes. E os pacientes que non entenden por que os médicos non traballan e os médicos que traballan máis que antes e a maioría da sociedade non os comprende. E as enfermeiras que asumen unha severa carga de traballo e un aumento de exposición ao virus e aos enfados monumentais de quen é capaz de cruzar o limiar do centro de saúde. No medio desta lea, aparece o conselleiro de sanidade para declarar que o tema dos rastrexadores non sabe moi ben como anda e que depende de segundo como se mire. Imprimir seguridade na cidadanía é fundamental para evitar o colapso psicolóxico do grupo.

Tamén o corpo de farmacéuticos pide que se lles teña en conta na procura de solucións ao colapso da Atención Primaria pois están a asumir maiores responsabilidades e máis carga de traballo.

A xente que cobrou o ERTE parcialmente quéixase porque precisa ter cubertas as súas necesidades básicas (eufemismo de comer, vestirse e durmir baixo cuberto) mentres procuran unha solución a súa realidade laboral que non parece presentar un horizonte despexado a curto prazo.

Tampouco son moi fanáticos de dar a cara os delincuentes das evasións fiscais pero chámanlle discreción e por iso non van detrás co micro

Logo están os okupas. Eles non se queixan ou non sabemos se teñen queixa porque como non teñen voz pois esa cantinela, canto menos, ímola aforrando. Aínda así, para saber máis sobre este tema, podemos sintonizar as cadeas de TV máis vistas e diariamente temos folletín cumprido. Algunha vez, achegan un micro aos okupas e pídenlles que abran a porta para falar cara a cara e que se ocultan porque son uns delincuentes. Xa dicía Silvio Rodríguez que a covardía era asunto dos homes, non dos amantes pero igual o amor á dignidade do ser humano non é romántico para Susana Rosa Griso Quintana. Tampouco son moi fanáticos de dar a cara os delincuentes das evasións fiscais pero chámanlle discreción e por iso non van detrás co micro.

Por último, do caixón de irascibles, sacamos a Pablo Casado, que se queixa de que os españois votaron ao Rei pero non a Iglesias nin Garzón. Gracioso sería se non fora o líder da oposición. Pero é.

Estamos enfadados, nerviosos e desorientados. Temos motivos. Igual que os temos para pensar cara a onde debemos dirixir eses sentimentos. O sinxelo será sempre ir contra o veciño do lado. O práctico contra quen, en maior ou menor medida, pode e debe aportar solucións para mitigar esta desfeita e non o fai.

comentarios