Opinión

Rethink

Palestina paga cun altísimo tributo de sangue a ousadía dos Brics ampliados de rivalizar estratexicamente con Occidente ao contestar, en varios ámbitos, a patente "orde baseada en regras" despóticas e supremacistas: escolas e universidades, hospitais e ambulancias, barrios residenciais enteiros, refuxiados, xornalistas, voluntarios de ONGs e traballadores da ONU... son albo cotiá do terrorismo atroz exercido polo goberno sionista, sendo milleiros sepultados no campo de exterminio gazatí mentres a Resistencia armada combate unha loita desigual que fai uso lexítimo –e legalmente recoñecido– do histórico dereito a confrontar co ocupante pola súa liberación nacional. Masacres impenitentes como a ramificación máis desalmada dunha competición aberta pola hexemonía e o dominio de recursos en tempos de aceleración de mudanzas climáticas disruptivas e, posiblemente, irreversibles.

Abría en setembro The Economist cun grande "Time for a Rethink", aludindo a que os estados da OTAN debían repensar a súa errada estratexia no leste europeo, solicitando así un asisado cambio de rumbo. Naquelas semanas Juan Luis Cebrián –ben conectado coas influentes altas esferas– sorprendía nas páxinas de El País ao anotar que era hora de contemplar escenarios de negociación coa Federación de Rusia. Nesa liña, resulta pouco sorprendente a evolución das portadas da revista norteamericana Time dedicadas nos últimos vinte meses ao monicreque Zelenski; pasaron de erixilo "man of the year" a idolatralo como visionario "líder" para, recentemente, rebaixalo a un "ninguén" illado da crúa realidade do seu exército. Algunhas ambicións dos EUA van saciándose nesa fronte: cun complexo militar-industrial revitalizado, perspectivas de que BlackRock e Monsanto –entre outras– fiquen con parte "do pastel" e co obxectivo logrado de trocar máis dependente a unha UE politicamente débil abriríanse, cara o futuro, horizontes de armisticio logo de boicotealos en marzo do 2022. Entrementres repensan: the war must go on.