Opinión

Réquiem por NAFO

David Arajámia, un dos representantes ucraínos nas conversas coa Federación de Rusia en marzo do 2022 –cando o conflito do leste experimentou o salto de escala– confesou nunha entrevista televisiva recente que o goberno de Zelensky, empurrado polo do británico Boris Johnson, foi quen pechou a posibilidade de asinar a Paz naquel punto crítico.

Por aquel entón os enviados rusos presionaron para que Ucraína aceptase a neutralidade estratéxica respecto do non-ingreso futuro na OTAN e as derivadas conseguintes na orde de seguridade colectiva europea como elemento prioritario fronte ás cuestións relacionadas co status de Crimea e o Donbass, no marco da vulneración dos multilaterais Acordos de Minsk; estes resultaran ser finalmente unha trampa coa que gañar tempo para seguir armando no ínterin a Kiev segundo recoñeceron Hollande ou Merkel a posteriori. Cantas vidas puideron salvarse?

Por aquel entón a propaganda bélica pro-occidental atopábase nun punto álxido e fomentábase desde as esferas gobernamentais e sectores da comunidade de intelixencia un movemento nas redes sociais (NAFO-Fellas) orientado a soster, mediante tácticas de guerrilla dixital, determinada narrativa reforzada dentro da intensa campaña de desinformación e contra-información. Destináronse inxentes cantidades de recursos a sufragar activistas e mercar xornalistas e líderes de opinión que defendesen a liña discursiva oficial. Parte deles foron reorientados agora á fin de amplificar o relato de Netanyahu na súa guerra de exterminio contra Gaza e Palestina: en Francia ofrécense milleiros de euros a cada influencer que xustifique o xenocidio israelí en plataformas como TikTok.

Calquera usuario habitual de X (antes Twitter) puido comprobar ultimamente como a frenética actividade odiosa, agresiva e enganosa dos primeiros vén de experimentar un paulatino ocaso. Traballo completado: foron usados con fins espurios no ámbito da guerra cognitiva global. Moitos deles, ata voluntariamente e a cambio de nada!

Comentarios