Opinión

Realidades paralelas

A industria do bulo e da des-información non é algo novo nin privativo dalgúns medios marxinais dopados: os propios gobernos e axencias de intelixencia promoven a posverdade desde tempos inmemoriais. Recentemente exemplificouse co iluminado da Porta de Brandemburgo coa bandeira israelí polo acontecido o 7 de outubro de 2023, onde acreditaban inexistentes "violacións masivas"  e "decapitación de bebés" mentres agocharon a Doutrina Aníbal das Forzas de Defensa Israelí. Porque aquela xornada foi só un episodio máis da longa e tráxica colonización e opresión de Palestina: hoxe Gaza é o único lugar da historia universal onde 80% do territorio foi bombardeado, 90% da poboación desprazada e 70% das vítimas son mulleres e nenos. 

Dous anos antes tamén descontextualizaran a natureza dun conflito arrastrado no leste europeo. E a UE entrou de cheo nel guiada pola belicosa OTAN: institucións, economías e cidadanía común teñen moito que perder alí. Desvelaron agora que Navalny "probablemente non foi asasinado" polo Estado ruso, contrariando o que sostiveran urbi et orbi. Esa mesma industria é a que colocou unha pica no Cono Sur: un Milei que concentra poder e visitará o Reino español da man de Aznar, empregado do gran magnate da comunicación Rupert Murdoch. 

O bolsonarismo emprega técnicas parellas: dereitas disruptivas que destituíron Evo Morales ou Castillo no Perú e pretenden tombar, coas mesmas artes, a Petro en Colombia. Hai pouco completaron un golpe brando xudicial en Portugal. Netanyahu deu orde: "O que acontece nos campus universitarios estadounidenses [protestas contra o xenocidio] recorda á Alemaña dos anos 30: antisemitismo. Débese atallar duramente". Dito e feito. Tamén en Francia, onde estudantes e profesores son reprimidos por manter ergueita a bandeira da Humanidade. Imos vendo así como se dilúe o dereito internacional e murchan as "democracias occidentais": entre os cascallos de Gaza, o empuxe dun neo-fascismo lexitimado, o rearme europeo e a Fronte Oriental.

Comentarios