Opinión

Nakba 2.0

Para o pobo palestino a guerra árabe-israelí de 1948 significou a "Catástrofe": un éxodo forzoso masivo dos que vivían baixo Mandato Británico e foron desprazados da súa terra polo colonialismo e a creación do Estado de Israel en base ao Plan de Partición, perdendo casas e pertenzas. Episodio repetido na Guerra dos Seis Días de 1967. Desde aquela todo foi sometemento racista, estigma, penurias e resistencia. Tamén esquecemento e incumprimentos internacionais.

Cando escribo estas liñas non hai dúbida de que estamos, como pouco, diante doutro planificado crime e desastre humanitario de enorme magnitude e imprevistas consecuencias a todos os niveis: xeopolítico, económico, militar... As sociedades non dixiren ben as limpezas étnicas nin abusos tan flagrantes aos conxéneres e, en Europa Occidental, viven millóns de árabes e musulmáns.

Chamara moito a atención na última sesión da Asemblea da ONU a exposición por parte de Netanyahu –cuestionado internamente pola súa intención de abolir a separación de poderes– dun mapa titulado "Novo Oriente Medio" no que contemplaba unha reordenación e na cal borraba o proto-estado palestino: Gaza e Cisxordania, símbolos mundiais da resistencia dos pobos a ser varridos da historia e da vida. Semella que o imperialismo na zona pretende devolver o golpe da súa contención na Fronte Oriental.

A situación é de extraordinario risco polas potenciais implicacións e xogos de alianzas no contexto actual; máis si é exposta e percibida en termos civilizatorios e, xa que logo, totalizantes. Ameazas existenciais cruzadas e disputa polo control de fontes de recursos e rutas para o seu tránsito configúranse no taboleiro. Si o conflito escala moito Israel podería atoparse "cun Vietnam": e, de desatarse unha conflagración aberta, múltiples actores vela como a Batalla Final. É difícil saber se Occidente é quen de manter varias confrontacións (rusa, árabe, china) á vez: o "corazón das tebras" de Conrad paira sobre a rexión máis explosiva do planeta.