Opinión

Milei

No apelido leva a penitencia: a súa lei. A do individualismo atroz, histriónico e asocial. A do Estado mínimo. Tamén a do poder reducido a unha nova oligarquía corrupta que eliminaría boa parte dos dereitos da maioría e, efectivamente, empurraría a un enorme país do Cono Sur con até 18 millóns de pobres a un verdadeiro shock socio-económico, emulando os experimentos militarizados de Videla e Pinochet. Como daquela, coa man de Washington mecendo no berce. A súa lei: a do máis forte dunha escena dickensiana. Escola austríaca e darwinismo social: nin cultura, nin sanidade nin educación públicas. Tampouco rastro de xustiza social, que para a barbarie espeluxada é unha "aberración". Odio aporofóbico.

"¿En dónde están los 30.000 desaparecidos? [da ditadura] ¡Que me los muestren!": insulta Milei á lóxica elemental, na onda do irracionalismo neo-fascista occidental. Nada ten sentido baixo a súa lei: a do dereito a portar armas e compra-vender órganos humanos. A vida do cidadán medio non valería ren, ou custaría o que alguén estea disposto a pagar por el para vendelo ao peso coma carne de vaca da Patagonia. Un detrito amoral producido polas sociedades polarizadas, desquiciadas, aflixidas e contaminadas na resaca pos-pandémica: definitivamente saímos peores. A súa lei: a do vociferante ruxindo brutalismo, traumas infantís e depravación intelectual.

Nela néganse as evidentes e aceleradas mudanzas climáticas, mais afirma conversar cos seus cans vivos e mortos. Este fascismo alimentado por capitalistas aos que lles sobra o democrático vén dacabalo de auténticos lunáticos aparentando rebeldía. Un Ayuso masculino, un Trump rexuvenecido, un Bolsonaro locuaz, un Bukele simulando rockear no canto de rapear e un Jácome austral ascendendo de porco a marrán. Para chegar até ese porto serve tamén Andrés Calamaro bufando a neve toda do Aconcagua na delirante e decadente deriva. Tal psicopatoloxía colectiva esténdese no irrefreable encanto pola traxedia común, contaxiándose coma un virus.