Opinión

Idealismo wilsoniano

Sen dúbida é a corrente máis influínte das distintas variantes existentes dentro do pensamento e a acción política exterior estadounidense do último século. Vai ineludiblemente ligada á figura de Woodrow Wilson, 28º presidente de EUA entre 1913 e 1921; polo tanto, con aquel ao que correspondeu intervir e "solucionar" a carnicería da Primeira Guerra Mundial. No transo das décadas foise adaptando, mais caracterizouse sempre como unha sorte de "ideoloxía misioneira" (inspirada na actividade sacerdotal dos relixiosos católicos e protestantes de finais do século XIX e comezos do XX) consistente na extensión urbi et orbi dos seus "valores" e "ideais" supremos.

No seu seo encádranse tanto liberais intervencionistas do Partido Demócrata como republicanos neo-conservadores de terceira xeración e contraponse a outras tradicións como o realismo hamiltoniano, o liberalismo jeffersoniano ou o nacionalismo jacksoniano, resultando baixo diferentes administracións predominante e representada por personalidades transversalmente aceptadas polo establishment como Paul Wolfowitz, John Bolton ou Madeleine Albright (quen afirmara que “a morte de milleiros de nenos iraquís vale a pena”). 

Os fundamentos céntranse en preconizar até impor universalmente, mesmo pola forza bruta, un modelo político-social, económico e moral auto-percibido superior e fonte de lexitimidade absoluta: alicerzado sobre a consecución deste precepto lograríase instaurar a paz e a estabilidade mundial definitivas. Joe Biden é un dos seus representantes políticos máis entusiastas: por iso apoiou sempre todas as aventuras militares desde 1973, cando foi escollido Senador por Delaware.

E por esa e outras razóns o seu período está sendo netamente o máis agresivo e de maior fonte de inestabilidade internacional desde a fin da Segunda Guerra Mundial, dando cobertura a golpes de Estado en Latinoamérica (Perú) á vez que fomentou o conflito europeo e exerce presión imperial en Asia-Pacífico.