Opinión

Hipócritas!

É nas terras palestinas por onde máis sangrou a salvaxe dobre vara de medir propia da cacarexada “orde baseada en regras”: esa fétida Lei do Funil Universal observada por unha “comunidade internacional” cega que, habitualmente, ignora acordos multilaterais e o Dereito Internacional.

O mundo que durante nove anos ollou cara a outro lado mentres o réxime golpista pro-occidental de Kiev masacraba a poboación ruso-ucraína do Donbass -desatendendo os compromisos de Minsk- sobresaltouse cando a gran potencia euro-asiática rusa interveu directamente nun xa cruento conflito ata daquela silenciado. Nun proceder análogo acorda atónito coas violentas accións de faccións extremistas da Resistencia armada dun pobo desesperado que esporadicamente rebélase contra o seu etnocidio planificado, devolvendo parte da dor que lle inflixen. Lei do Talión.

Para a nación árabe ocupada nunca houbo consensos oficiais-artificiais nin toneladas de armamento occidental: hainas ilimitadas para o opresor. Gaza é espello no que reflicten as máis abxectas desviacións da especie homo sapiens sapiens; onde os poderosos sadicamente esmagan os débiles mediante un desproporcionado e sistemático apartheid. O máis temido sería perder o “monopolio da violencia” e, segundo “as regras”, iso debe ficar claro: a hiper-militarizada teocracia israelí martiriza impunemente millóns de vidas nun cárcere a ceo aberto amotinado. 

Quen conserva un ápice de humanidade sente un nauseabundo noxo ao ver os patéticos “dirixentes” da “UE dos valores” trocando rapidamente a bandeira ucraína pola de Israel, nunha similar e combinada operación propagandística e shock mediático que bendí a grande escala o fascismo sionista e un imperialismo afeito a arrastrarse pola indignidade abisal.

Desvían o foco e mudan prioridades para que a función macabra continúe á par da humillante derrota en curso no leste europeo. Cun sistema-mundo quebrado os conflitos abrollan e reavivan como fungos nesta inestable etapa de transición. Cara a onde?

Comentarios