Opinión

Genocide Joe

"Non creo que haxa que ser xudeu para ser sionista: eu son sionista", reafirmaba o presidente estadounidense a carón de Netanyahu nos primeiros días da enésima –apunta que definitiva– operación de exterminio en Gaza. Hoxe sabemos que o relato do que aconteceu o 7 de outubro amplificouse polos medios de comunicación de masas, agochando a relación do alto número de vítimas civís propias coa resposta do propio Tzáhal (exército israelí) á incursión dos milicianos. En calquera caso a acción da Resistencia palestina, encadrada na lóxica da acción-reacción, foi unha pinga de auga dentro do océano de máis de sete décadas de opresión salvaxe e continuada da potencia colonial sobre o pobo árabe.

Tamén sabemos –segundo unha recente investigación do diario británico The Guardian– que o lobby israelí Aipac doou máis de 58 millóns de dólares no último ciclo electoral a lexisladores demócratas e republicanos; unha cantidade que supera as realizadas polas industrias do petróleo e o gas xuntas. Non temos constancia fiable de canto inviste anualmente o complexo militar-industrial en mercar vontades, mais si é coñecido que Joe Biden apoiou –sen excepción– todas as guerras hexemónicas do Tío Sam na súa actividade política durante as últimas catro décadas. E tamén é pública a relación familiar directa cos negocios sobre estas materias primas nunha Ucraína que xa acumula aproximadamente 500.000 baixas militares fatais nos dous últimos anos. Baixo o mandato de Biden a Corte Internacional de Xustiza valida a denuncia surafricana respecto da posible comisión do máis grave dos crimes contra a humanidade e a resposta da Casa Branca non é outra que a de liderar a retirada dos fondos destinados á axuda alimentaria aos refuxiados patrocinada pola ONU, o cal redobrará a magnitude da traxedia. Occidente despóxase de todo código moral e obriga internacional: apóstao todo ao xenocidio. Infelizmente, queda moito por ver nesta baixada aos infernos parella ao declive do poder norteamericano.

Comentarios