Opinión

Flaxelos

Era habitual que a propaganda soviética caricaturizase nos 80's –en revistas como Sputnik– ao fascismo banderista ucraíno e ao sionismo como dúas das maiores ameazas á integridade da URSS e máis vellos flaxelos do mantemento da paz mundial. Presentábanse naquelas ilustracións como movementos pro-occidentais patrocinados polo sistema capitalista, funcionais ao racismo inherente ao proxecto imperialista estadounidense.

É coñecido polos historiadores que o goberno israelí presidido pola "Dama de Ferro de Oriente Medio" Golda Meir estivo preto de cometer un auténtico xenocidio ao contemplar o uso de bombas atómicas sobre Siria e Exipto no curso da Guerra do Yom Kipur –no contexto daquel punto álxido da Guerra Fría en 1973– logo dos turbulentos acontecementos desencadeados durante os Xogos Olímpicos de Münich a mans de Setembro Negro, organización armada palestina. A intervención límite duns MIG-25 de Brézhnev sobre Tel Aviv disuadira o inicio, con alta probabilidade, da Terceira Guerra Mundial.

Atribúese a Mark Twain a frase "a Historia non se repite, pero rima", e semella que algunha verdade hai nela se observamos concomitancias da actualidade nos últimos meses: non semella casualidade que outro "fenómeno televisivo" –antes Zelensky– chegase ao poder agora na Arxentina. O histriónico demagogo irracionalista Javier Milei axitaba na campaña electoral a motoserra da violencia política, do shock económico e da militarización; e tamén a bandeira de Israel nestes días de ruído, furia e infanticidio de Netanyahu nos territorios ocupados.

Washington propina outro golpe xeopolítico aos Brics que pagarán –con moita dor– as maiorías sociais a través de críticas medidas darwinistas: un laboratorio de ultraliberalismo e privatizacións, reaccionarismo elitista, nostalxia da ditadura de Videla e a poxa da soberanía monetaria e nacional no altar da supervivencia do dólar botará a andar no Cono Sur. Ás veces os pobos escollen suicidarse colectivamente, e iso hai que respectalo.

Comentarios