Opinión

Fallos en Matrix

Tal como inspira o filme de culto das irmás Wachowski a miúdo semella que a narrativa construída polos poderes hexemónicos nos últimos tempos foi unha sorte de ilusión virtual pola que agora vai coándose información abordada desde outros prismas que contradín o propio (gran) relato ficticio: baixo esa premisa o coronel do exército británico Richard Kemp vén de aseverar en The Telegraph que –no referente ao conflito no leste– "Occidente debe prepararse para a humillación", instando a que "se ese escenario se concreta, precisaremos dunha estratexia robusta de control de danos". As cousas non marchan ben en Ucraína para o seu réxime e patrocinadores: a "loita entre o Ben e o Mal" atópase estancada logo do investimento de centos de milleiros de millóns de euros e de dólares provocando unha magnífica masacre, especialmente nun exército (o ucraíno) que comezou a recrutar enfermos mentais ou reclama o regreso de refuxiados en idade militar espallados por todo o continente vulnerando así calquera principio, convención e legalidade. EUA continúa subministrando máis armas e máis avanzadas, mais case ninguén considera factible que vaian producirse mudanzas estratéxicas en favor dun réxime (o de Zelensky) que fora presentado ao "gran público" como a quintaesencia dos "valores democráticos" fronte á autocracia rusa; despoxando deste xeito á opinión pública de toda contextualización para comprender a natureza complexa do multi-conflito manifestado alí desde hai máis dunha década. Ao fío vén de publicarse en The Economist unha entrevista co antigo xefe do SBU (servizo secreto), Valentyn Nalyvaichenko, na que confesa a participación no programa de asasinatos selectivos (escuadróns da morte, ao xeito da Arxentina de Videla) contra esquerdistas, comunistas e cidadáns opositores, considerados prorrusos, desde 2015. Mentres, J. Stoltenberg declaraba ante o Parlamento da UE que "medimos mal" e que Rusia interveu "para evitar unha maior expansión da OTAN". Pílula vermella.

Comentarios