Opinión

Exterminar

Exterminate all the brutes é unha miniserie dirixida por Raoul Peck, baseada no libro homónimo de Sven Linqvist que, á súa vez, toma a frase prestada da novela O corazón das tebras de Joseph Conrad. Esta última inspirou a Francis Ford Coppola para guionizar e rodar o filme épico-bélico Apocalypse Now, ambientado na guerra do Vietnam: loucura, imperialismo e supremacía branca como motor da conquista, do saqueo e da colonización; desde o continente americano polos españois ao Terceiro Reich pasando polo reparto de África ou pola Doutrina do Destino Manifesto que informa a acción estadounidense das dúas últimas centurias e segue vixente se atendemos aos acontecementos en curso no Mediterráneo Oriental, onde o aliado na zona –estado-canalla en rebeldía contra a ONU e belixerante cos veciños mailo pobo palestino– maniféstase imbuído do espírito deshumanizador e racista propio daqueles episodios baixo pretexto autodefensivo.

Un orxiástico furor xenocida cara os nativos invade a súa caste dirixente a teor das declaracións públicas sostidas en preceptos ultra-relixiosos e gravísimos feitos consumados. Xustifican o interese por acelerar e intensificar a ocupación nunha "loita contra os nazis" (sic) e nunha "nova vinda do Mesías segundo as profecías de Isaías". Calquera trapallada bíblica e irracional serve para lexitimar crimes de lesa humanidade e a contumaz e planificada erradicación física doutra nación: o borrado completo do "outro" mediante matanzas colectivas e abolición das leis da guerra. Para o goberno de Netanyahu son "animais".

Nada novidoso no proceder occidentalista ao longo de séculos nin diferente ao panxermanismo respecto ás "masas do Leste": untermensch non-arios englobados por xudeus, xitanos, ruso-eslavos, negros ou calquera opositor ao proxecto de aniquilación. Escoitarán a Cabalgata das Valquirias de Wagner mentres executan a fazaña? Tempos ontoloxicamente indistintos, baixo novas aparencias: a alma europea esvara na escuridade unha vez máis.

Comentarios