Opinión

Excepcionalismo

Algúns elixidos dos máis de 90 millóns de inmigrantes que arribaron aos EUA durante os séculos XIX e XX lograron converterse rapidamente en multimillonarios, alimentando así o mito da "terra prometida" e de ser "un pobo escollido por Deus" ou un "novo Israel". Nos avatares colectivos sucesivos (conectados coa lóxica maila narrativa herdada da conquista do afastado Oeste) progresivamente moldeouse parte importante daquela sociedade cun exemplo constante de relixiosidade paranoica.

Borracheira de relixión e poder rega as veas de practicamente a unanimidade das súas elites políticas, considerándose representantes dun pobo excepcional e superior aos restantes do planeta, xa que logo, predestinadas a gobernar o mundo. 

Ese mesianismo vai nos xenes e transmitiuse xeración tras xeración. Seguramente fundamenta que o Pentágono sexa a entidade con maior número de empregados do mundo, con ata 3,2 millóns deles directos e indirectos; do cal derívase unha prolongación sobre o territorio (espallada en ata 750 bases militares declaradas asentadas no exterior) subdividida en polo menos once comandos de combate unificados dependentes do Departamento de Defensa e do Comandante en Xefe, integrando o Estado Maior Conxunto e complementando as múltiples oficinas e axencias de intelixencia: un Comando Central, un Comando Norte (Norteamérica), un Comando Sur (Latinoamérica), un Comando Africano, un Comando Pacífico, un Comando Europeo e algúns outros especiais estenden os tentáculos cívico-militares nos cinco continentes e fixan as redes do pretendido poder imperial global.

A intervención nos asuntos internos da meirande parte de estados e organizacións é obriga e deber á vez: garantía do correcto funcionamento da orde e dun complexo e combinado aparato de coacción diplomática, económica, política e mediático-cultural. As vítimas desa tóxica relación son incontables. Os principais beneficiarios: un ramallete de descendentes de buscadores de ouro temerosos do Altísimo. God Bless América! 

Comentarios