Opinión

Desexo e realidade

Dicía na última entrega que fascismo e guerra son anverso e reverso da mesma moeda. Na semana anterior grandes medios desinformativos occidentais fantaseaban coa hipótese dunha guerra civil en Rusia a teor do affaire Wagner, resolto de maneira indescifrable e de cuxos efectos no interior da cúpula de poder da Federación ou no referido ao conflito do leste só poderemos extraer conclusións pasado o tempo. A ditadura da inmediatez produce monstros. No entanto, un enorme estouro social en Francia lembra que non deben confundirse desexos e realidade. Os filmes La Haine, Athena –de Romain Gravras– ou Os Miserables –de Ladj Ly– faláronnos do caldo de cultivo no que xermolan alí recorrentes e radicais respostas populares de reacción á violencia estrutural e sistémica. Algúns trazos da odiosa distopía Sumisión de Houellebecq tamén advirten do que vén acontecendo ao norte dos Pireneos e cursa potencial contaxio por centroeuropa. En A insurrección que vén –ensaio colectivo situacionista publicado no 2007– anticipan un colapso civilizatorio que as escenas de Nanterre, Lyon ou Marsella obrigan ter presente. 

Entre contra-ofensivas ucraínas pantasma, detencións inexistentes de xenerais rusos e guerras civís imaxinarias transcorren enormes revoltas produto dun sistema sostido na mentira sistemática, na exclusión racial, na miseria social e na violencia estatal. E unha ruptura xeracional asoma: a dos fillos sen futuro dos chaleques amarelos e dos que protestan contra o aumento da idade de xubilación e o continuo empobrecemento de masas expulsadas e discriminadas; sen dereito á saúde, á educación, á cultura, ao traballo ou ao ocio de calidade. Os privilexiados nunca o ven vir e sempre esixen "man dura" e "restablecer a orde" como solución máxica. Afirman habitar nunha "esterqueira multicultural" mais descoñecen o grande elefante no xardín europeo: a esterqueira das crecentes desigualdades e do auxe fascista. Virán máis conmocións socio-políticas se continúa alimentándose a confusión.