Opinión

Coellos e xeopolítica

A axencia gobernamental estadounidense NASA vén de aclarar á opinión pública, nunha rolda de prensa con forte expectación, que os OVNI (agora FANI) son OVNI. É dicir: ignoran o que son. Iso si, afírmase que representan unha "ameaza evidente" no espazo aéreo e crearán un departamento especializado dedicado a investigalos "de forma transparente e en beneficio da Humanidade", segundo especificaron.

Paira sobre o asunto unha atmosfera vintage que rememora a situación convulsa daquela sociedade no transitar da década de 1960, cun pico de ata 10.000 "albiscamentos" anuais denunciados.

Un, que é mal pensado de nacemento e ademais xa viu suficientes filmes de Hollywood, presupón que isto garda relación coa conferencia pronunciada un día antes polo Secretario do Departamento de Estado Antony Blinken na Escola de Estudos Internacionais Avanzados da prestixiosa Universidade Johns Hopkins na que trasladou ao público reflexións de calado. Puidera considerarse o primeiro un coello sacado maxicamente dun sombreiro para desviar a atención? Quen sabe! E que foi entón, resumidamente, o que dixo o máximo responsable da dirección da política exterior? Pois recoñeceu solemne e implicitamente o remate da desequilibrada orde internacional posterior á fin da Guerra Fría e, polo tanto tamén, da sanguenta fase de apoxeo (2001-2022) inaugurada o 11-S coa "War on Terror", consistente nunha serie de campañas militares contra un inimigo inasible (o terrorismo) que provocaron máis de catro millóns de vítimas segundo a maioría de estimacións.

Abundou que "unha era acaba, e as decisións que tomemos hoxe moldearán as futuras décadas", considerando a emerxencia de "potencias revisionistas" (da vella orde unilateral ao servizo dos seus exclusivos intereses) como " autocracias que presentan enormes desafíos". Recoñeceu á fin os límites das teorías neocon do Novo Século Americano e, en consecuencia, a asunción dun rol que non será xa hexemónico senón o dunha (doutra) potencia central.

Comentarios