Opinión

Notas ao vivo: Presos políticos cataláns (7)

Unha xornalista de TVE, Almudena Guerrero, cualificou de “presos políticos independentistas” aos políticos cataláns, 7 homes e 2 mulleres, actualmente privados de liberdade en cárceres españois. E fíxoo en horario de máxima audiencia, como correspondente da canle na Moncloa. Mais agora os presos políticos cataláns, que iso exactamente son e así pasarán á historia, son tamén “reféns políticos”, tal como os definiron con gran acerto Julio Anguita e o mesmo Carles Puigdemont, este último no exilio.

En Portugal, diferentes personalidades políticas de cinco partidos políticos portugueses, entre eles Alfredo Barroso (fundador do PS) e Pacheco Pereira (antigo dirixente do PSD), asinaron un manifesto onde se demanda expresamente a “Liberdade para os presos políticos catalães”, ao mesmo tempo que se trata ao presidente Puigdemont de “exiliado”. O manifesto portugués, asinado por numerosos deputados socialistas, do Bloco de Esquerda e mesmo do PAN e da CDU, di expresamente que só as “democraduras” ou as “ditabrandas” teñen presos políticos, e engade que os gobernantes españois poden repetir até a saciedade que España é unha “democracia consolidada”, “mas os seus atos na questão da Catalunha apontam em sentido oposto”. Talmente.

O diario Le Monde publicou hai uns meses un manifesto de intelectuais franceses e italianos pola “liberación dos presos políticos cataláns”, e aí asinaban nomes da talla de Erri de Luca, Jean-Marie Laclavetine, Roberto Saviano e Daniel Pennac, facendo saber que “nós, cidadáns de Europa, pedimos a liberdade inmediata dos cidadáns cataláns encarcerados polas súas conviccións políticas”. E centenares de escritores, académicos, intelectuais e científicos de máis de vinte países —Noam Chomsky, James K. Galbraith e Rudolph Brauer, entre eles— tamén se manifestaron reclamando a liberacións dos presos políticos cataláns.

¿E os intelectuais (de “esquerdas”) españois? Aquí habería que acudir á politicóloga alemá Elisabeth Noelle-Neumann e á súa teoría da “espiral do silencio”. A “pel social” da gran maioría da “intelligentsia” española non é particularmente sensíbel ao “outro”, pois forma parte dun corpo (moitas veces non auto recoñecido) que se modela nun nacionalismo español radical e excluínte. Mais iso non é admitido. Non é asentido. Porque vive infiltrado, de xeito “natural”, nun corpus ideolóxico consuetudinario, nunha sorte de “corporación” superior no plano moral e legal (a España monolingüe e monocultural, pretendidamente democrática) que segue a ser “imperialista”, aínda que ninguén o queira recoñecer como tal.

Por iso, para a “intelligentsia” española, for académica, cultural ou política, non existen os presos políticos cataláns

Comentarios