Opinión

Xi Jinping e a derrota de Rusia

O presidente chinés Xi Jinping está a desenvolver ambiciosas medidas diplomáticas a nivel mundial. Conseguiu acordos entre Arabia e Irán, que se revelaron en aliviar as condicións da guerra no Iemen, e está a buscar acordos noutras partes do mundo aparentemente con bos resultados. Nada que obxectar a tales esforzos, todo o que sexa pacificar o mundo ten que ser benvido. Cando estou a escribir estas liñas o mandatario chinés vén de tentar acordos de paz entre Ucraína e Rusia, falando cos mandatarios de ambos os dous países e enviando misións negociadoras para tentar chegar a puntos de acordo. Oxalá cheguen a bo fin estas iniciativas e outras que poidan vir.

Mais este tipo de iniciativas poden ser lidas doutra forma e non deixan precisamente ben parados os rusos e din moito da consideración que ten o Goberno chinés deles. Calquera coñecedor do funcionamento das relacións internacionais sabe que son asimétricas e, alén do recoñecemento formal como estados pola ONU, as interaccións entre eles están xerarquizadas, o que se amosa en tratamentos informais, como a invitación ou non a determinados cumios ou nos distintos tratamentos que se dan na sutil linguaxe diplomática, como quen ou como se recibe ou trata os distintos mandatarios nas súas interaccións.

Pois ben, a China está a tratar Rusia como unha potencia de nivel medio, non como a superpotencia que pretende ser. Rusia podía pretender manter as aparencias, como un burgués vido a menos, mais unha vez desatadas as hostilidades faise evidente que non pode ser admitida no mundo dos verdadeiramente poderosos e, como tal, é tratada polos que si o son. De aí que considere o conflito como un conflito rexional máis, como o de árabes e iranianos, que pode desestabilizar e molestar os seus intereses pero pouco máis, e por tanto está a tratar os dous contendentes ao mesmo nivel. Tamén o Paquistán ten armas nucleares, mais non por iso é tratado como unha superpotencia. A China non tratou así os USA cando agrediron o Afganistán ou o Iraq, protestou pero non mandou embaixadores de paz, pois isto só se fai cando se considera que ambas as dúas potencias están máis ou menos equilibradas. 

A China, cos seus esforzos diplomáticos, tamén está a dicir que non aposta por unha vitoria esmagadora da declinante Rusia. Imaxinemos que o imperio ianqui cando agride Iraq non fose capaz de tomar a capital e loitase por conservar o conquistado terzo sur do país, incapaz de tomar algunha pequena cidade fortificada. Sería tomado a broma polas demais superpotencias e tratado como o é agora Rusia.

Cos USA pódese tentar influír o que vai ser despois o país conquistado, pero a conquista dáse por feita. China está a apostar por unha sorte de estancamento da guerra na cal os cativos avances rusos nos últimos meses son, por certo, feitos por tropas privadas e non estatais. Aínda vai ser que Rusia é a verdadeira valedora do neoliberalismo a nivel mundial, pois está a privatizar incluso a condución da guerra. Se segue con estas medidas hei ter que virar de bando.

A China quere evitar tal estancamento tamén de forma preventiva pois sabe que Rusia non ten capacidade de gañar a guerra de forma clara, nin no aspecto militar nin no económico, e no seu caso todo o que non sexa unha vitoria fronte a un rival aparentemente moi inferior é unha derrota, a cal como, xa temos avanzado, é segura. Derrota que podería desestabilizar por completo a vella Rusia chegando incluso á fragmentación nas corenta e unha nacións que a compoñen, e antes de que pase isto prefire polo seu propio interese que se chegue a un acordo que non cuestione a actual elite rusa, a cal xa está en situación de vasalaxe súa e a cal como bo señor debe protexer. China quer axudar a Rusia pero ao facelo estaa a humillar e a amosar o que todos vemos, que Rusia necesita desa axuda.

Comentarios