Opinión

Xestión da sanidade

Cando era mozo e gostaba de ler marxistas, gusto que aínda non abandonei de todo, fun moi influído pola lectura dun deles, James O’Connor, logo devido en ecomarxista. No seu libro sobre a crise fiscal do estado adiantou a tese de que as demandas de bens e servizos feitas pola sociedade aos estados contemporáneos ian esgotalos economicamente por falta de capacidade para poder financialas adecuadamente. E máis se ao mesmo tempo, como ben apuntou a doutora María do Carme García Negro o pasado sábado, non se incrementa na mesma proporción a capacidade produtiva da nación que é en última instancia quen permite sustentar esas novas demandas de gasto público.

Isto vén a conto das protestas que a pasada fin de semana se deron na Galiza reclamando unha mellora nos nosos servizos de saúde pública. Tamén o sábado pasado neste xornal, Manuel Martín, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, publicou unha moi ben elaborada táboa reivindicativa das melloras que serían necesarias para favorecer o actual modelo de xestión sanitaria. O problema é que delas só algunhas poden ser afrontadas cun mero cambio de xestión, sexa a nivel político ou operativo, mentres que maioría delas requiren incrementos, que as veces poden ser moi substanciais, no gasto sanitario. Algúns destes cambios, como a política salarial ou a reorganización dos centros de saúde, con ou sen planificación social, si poderían vir dun cambio no goberno ou na xestión. Sempre, claro está, que os novos xestores fosen quen de facelo mellor, algo que pode ser pero non está garantido. Outros problemas teñen raíces políticas pero non derivan só da boa ou mala xestión senón de decisións políticas de certa complexidade. Por exemplo, un dos problemas principais do noso sistema sanitario, e polo que leo doutros, como o británico, é o da escaseza de profesionais sanitarios cualificados, especialmente os que se refiren á medicina e á enfermería. Non se poden incrementar as prestacións sen incrementar o número destes, pero este está fortemente limitado polos numerus clausus das facultades de medicina ou polo número reducido destas. Querer incrementar o número de médicos e sanitarios en xeral implicaría incrementar a medio prazo o número de médicos en formación, entendo que artificialmente baixo, e rebaixar, ao tempo, as barreiras para sanitarios procedentes de outros países. Outra medida nesta liña que non depende só da xestión implicaría cambiar os estatutos de contratación deste persoal para poder flexibilizar a súa xestión e adaptala o mellor posíbel aos picos puntuais de demanda.

Por último, outras medidas requiren de medios económicos a maiores. Aumentar a carteira de servizos é un deles. Por exemplo, a atención bucodental xeneralizada implicaría contratar a moitos especialistas e a disposición de todo tipo de próteses e pezas dentais a medida, moitas deles de elevado custe. Os británicos no seu momento intentárono e tiveron que renunciar debido a falta de recursos para poder afrontar esta medida cun mínimo de calidade. Pero o problema, en última instancia, radica, ao igual que acontece coas pensións, no feito de que a pirámide demográfica esta a mudar lenta pero continuamente. O envellecemento da poboación eleva as demandas que se lle fan ao sector sanitario exponencialmente e incrementa seus custos na mesma medida. É razoábel e xusto reclamar unha mellor sanidade peor tamén o é o reflexionar como facer que a economía galega medre o suficiente como para poder sostela. E diso fálase moito menos.

Comentarios