Opinión

Por que Vox non ten presenza na Galiza?

Pregúntanme amigos españois cal é a razón de que Vox obteña tan cativa representación na Galiza. En Nafarroa e en Euskadi tampouco tivo representación local, mais neste último territorio está presente na Deputación Foral de Araba e no seu Parlamento. Sendo miles os concelleiros a escoller e sendo relativamente doado obter algún, en moitos casos cuns centos de votos, sorprende a ausencia case total de resultados, obtendo só 1 con 176 votos. Intúo (non sei se farán algunha enquisa postelectoral alí) que pode deberse máis á popularidade persoal da concelleira electa –que obtería un resultado igual presentándose con outras siglas– que a que o concello de Avión teña unha dinámica social ou ideolóxica distinta dos concellos limítrofes, aínda que tamén cabería esa opción. Cal pode ser entón o problema de Vox? Na Galiza hai, como en todos os pobos do occidente, potencial para partidos deste tipo, pois tamén temos zonas industriais en declive e colectivos perdedores coa globalización. Se a isto se suma que unha notábel porcentaxe de poboación, que sen ser maioritaria é relevante, se sente española ou máis española que galega, e sectores agrarios ou cazadores cara aos que o partido dirixe a súa mensaxe, non se acaba de entender cal podería ser o obstáculo para este risco do sistema político galego, que como ben dicía o señor Pérez Lema a semana pasada, constitúe unha singularidade no espazo hispano.

Nunha sorte de vitoria póstuma do piñeirismo, os partidos galegos non nacionalistas galeguizáronse e adaptáronse á forma propia de facer política. O único que falta por galeguizar politicamente é o BNG, cando o faga será imparábel (isto é unha brincadeira miña pero só en parte). Vox, pola contra, aínda non foi quen de adaptarse á forma de facer política dos galegos. Defende na Galiza un españolismo español, máis propio da España española que da Galiza. O camarada Deng dicía que quería implantar na China un socialismo con características chinesas, pois na mesma lóxica o erro de Vox é non ser quen de estabelecer un españolismo con características galegas. O españolismo galego está ben pouco estudado dende o nacionalismo galego, quen acostuma a referirse a el de forma bastante despectiva e sen tratar de entendelo, e isto é un grande erro estratéxico, pois o noso unionismo é socioloxicamente moi parecido ao nacionalismo e tan transversal como pode ser este. Seguro que moitos dos que len o artigo contan nas súas familias con algún parente ou parella declaradamente españolista a pesar de que a realidade social da que proveñen é a mesma. Tamén é frecuente o paso de nacionalista a españolista ou viceversa sen que isto implique ningún cambio relevante na súa vida, nin sequera o cambio de idioma. Todos coñecemos nacionalistas falantes de castelán e españolistas monolingües en galego. Como o debate que tiñamos de mozos sobre que era mellor, se defender España na nosa lingua ou defender a Galiza en español.

Na Galiza, o españolismo étnico (cultura, música, formas de festexo, cociña, carácter) ten moi pouca presenza dada a limitada inmigración doutras zonas españolas, sendo o noso españolismo maioritariamente do tipo banal, do tipo teorizado por Michael Billig, de fútbol, musical –Eurovisión– ou simbólico, pero segue a ser étnica e culturalmente galego, e como tal adoita reclamarse con orgullo, aínda dentro do marco da españolidade. Vox non adoita entender esta realidade e aplica esquemas que poden valer para outras zonas do Estado a realidades superficialmente próximas pero que nos substratos máis profundos non o son. E como consecuencia os españolistas galegos ignoran electoralmente esta forza, que se quere obter resultado aquí tería que crear un Vox autónomo, un Vox galego como soubo facer hai 40 anos a vella Alianza Popular.

Comentarios