Opinión

Nova orde mundial?

Leo neste xornal artigos de especialistas que falan da posibilidade de que nunha próxima reunión do grupo de países BRIC se discuta a posibilidade de substituír o vello patrón dólar co seu exorbitante privilexio, que diría De Gaulle, e substituílo por outro patrón que presumibelmente podería ser o remminbi chinés, aínda que se ten falado do dinar qatarí ou dunha volta ao ouro. O privilexio de poder pagar as dívidas propias imprimindo papel (ou mellor aínda cun teclado de computador) e, como consecuencia, exportar inflación ao resto sen que lle afecte a un na mesma proporción, é dende logo un beneficio imperial que equivale aos tributos que os pobos sometidos pagaban aos romanos ou a outros imperios. E non teño dúbida de que os EUA o son, iso si, con técnicas e ferramentas de dominio propias da nosa sociedade tecnolóxica. Ademais, isto é raro na historia sen que existan outro ou outros semellantes noutras zonas do planeta. Pero o mero feito de que un grupo de países se reúna para pór fin ou aliviar esta situación imperial non terá máis consecuencia que unha mera declaración de intencións lida ao fin da cimeira, salvo que os reunidos teñan a capacidade de poder substituír as funcións monetarias e económicas que desempeña o actual hexemon americano.

Non basta con desexar abandonar o patrón dólar por outro baseado no ouro nunha cesta de moedas ou por outra divisa hexemónica, hai que contar antes cun volume de comercio e produción que permita que a nova divisa sexa aceptada nas transaccións económicas internacionais. A forza do dólar reside en última instancia na forza do seu exército pero tamén no elevado nivel de produción da súa economía e no seu moi destacado papel no comercio de bens, capitais e mercadorías a nivel mundial. Quen o tería máis fácil sería un patrón ouro, dado que xa sabemos como funciona e sobre todo porque non respostaría aos intereses dun estado concreto, pero sería difícil de aplicar porque limitaría a capacidade de gasto dos actuais estados sociais e non permitiría alegrías co déficit ou coas desvalorizacións competitivas. Iso si, sería o mellor dos remedios coñecidos contra a inflación. Usar outras divisas é factíbel pero sempre e cando o volume de transaccións o xustifique e, en última instancia, estariamos a depender de novo das políticas monetarias doutros estados.

As ordes mundiais, sexa as pasadas, as actuais ou as vindeiras non se deseñan nin nacen da vontade das partes. O que reflicten son as relacións de poder e de riqueza económica que se dan en cada momento. Se fose polo gusto da antiga URSS, aínda seguiría vixente o vello esquema unipolar, que se se deu, non foi porque os EUA o desexasen, senón pola implosión do seu rival. Se agora viramos cara a un mundo novamente bipolar ou multipolar será ben polo declinio dos Estados Unidos ben polo ascenso doutras potencias que teñan a capacidade de desafiar o actual imperio, pero non porque estas ou aquelas así o formulen.

As ordes internacionais son froito de escoller un outro sistema económico, como se viu no caso da URSS, ou ben de éxitos e fracasos bélicos. A este respecto a guerra da Ucraína está a facer máis pola nova orde mundial que todos os foros internacionais dende o de Bandung até os de hoxe, pois está a reconfigurar alianzas e pactos, incluíndo substitución de divisas, pola propia supervivencia. E, por suposto, o desenlace da mesma amosará se a vella orde pervive aínda uns decenios máis ou se xa chegou o momento do seu relevo. Mentres, os galegos debemos analizar o que pasa e tomar posicións e non recrearnos no que nos gostaría que acontecese.

Comentarios