Opinión

Neootomanismo

É un vello dito nos estudos da política internacional que non existe nin pode existir un baleiro de poder. Se un poder esmorece é rapidamente substituído por outro na súa área. O debilitamento de Rusia por causa da guerra de Ucraína está a ser aproveitado por outras potencias rexionais como Turquía que buscan aproveitar a oportunidade. Os armenios xa están a sufrir as consecuencias da debilidade e inoperancia rusa diante dos ataques dos azerís, aliados do réxime turco, e están xa a buscar outros aliados, sexa nos USA sexa en Irán, obstáculo tradicional ás ideas panturanistas das actuais elites turcas, e con fortes minorías azerís e pouco interesado, polo tanto, no reforzamento destas. O feito é que o poder ruso está a ser substituído polo de Turquía na rexión e está levando a esta a movementos ofensivos no antigo patio traseiro ruso, aproveitando non só o mal estado do exército ruso desgastado en Ucraína senón tamén o feito de que a opinión pública internacional está moi ocupada noutros asuntos e ten pouco interese en abrir novas frontes. O último está a ser o ataque a posicións kurdas no norte de Siria e no Kurdistán iraquí sen que o goberno prorruso de Asad poida facer nada ao non contar cos recursos de quen lle axudou a ganar a guerra.

O problema é que os turcos, supostamente, son os nosos aliados na NATO, sentíndose por tanto immunes a calquera tipo de represalia exterior, pero con estes ataques estiveron a punto de atacar as posicións norteamericanas no norte da Siria, presuntamente aliadas dos kurdos, algo que por certo xa aconteceu na guerra de Siria, con tropas NATO en ambos os dous bandos do conflito. Unhas apoiando os kurdos contra o ISIS e outras atacándoo dende Turquía, o que parece probar tanto a manifesta irracionalidade de tal organización que parece crear máis problemas dos que resolve, como o erro que sería expandila a outros territorios e usala en conflitos moi afastados de nós e que non rematamos de comprender. A inclusión explícita no mes de xuño da China entre as potenciais ameazas a seguridade da NATO é outra proba, mais non vexo a relación deste país cos problemas do Atlántico Norte.

O certo é que un país membro da NATO está a implantar unha política de expansión de influencia que abrangue o espacio do vello imperio otomano, de aí o neootomanismo, e a desatar guerras e conflitos que poden chegar dende a Hungría (os seus nacionalistas radicais, e agora parece que o goberno tamén, son panturanios) até a China (os musulmáns uigures son de cultura turca). A debilidade rusa á hora de influír nos países do seu antigo imperio reforzará sen dubida a influencia no goberno do túrquico Kazakhastan (quen por certo está a mudar a ortografía da súa lingua seguindo o patrón turco e abandonando o cirílico sen que aparentemente haxa gran problema) ou en países como o Turkhmenistan cuxo propio nome xa indica a súa orixe. O que non sei é ata que punto temos que estar en alianzas con países que están a xogar a estratexias que en nada nos incumben e que poden traer problemas no futuro. Xa abonda, e abonda ademais, con seguir as que marcan os norteamericanos, que cando menos foron os propios europeos os que os chamaron a intervir nas nosas guerras, como para ter que enlearse en novos problemas causados polo expansionismo dos nosos socios.

Comentarios