Opinión

Impostos á banca

Seica o goberno aprobou hai uns días novos impostos a banca, algo moi celebrado en medios da esquerda que o ven como unha xusta redistribución dos beneficios caídos do ceo e moi criticado en medios da dereita política que o ven como un ilexítimo ataque á libre empresa. Nin uns nin outros teñen razón nin deixan de tela. É certo que a banca incrementou seus beneficios pola suba dos xuros, más esta non é debida a unha boa xestión empresarial senón a unha decisión política do estado, neste caso representado no Banco Central, paradigma, se cabe, do estatismo máis puro. O estado dálle primeiro beneficios á banca e logo retíralle unha parte. Certo é que endurece e encarece as condicións de crédito, en forma de créditos máis caros ou na esixencia de maiores garantías ao prestatario, pero isto mesmo é o que se pretende coa suba dos tipos e, se cabe, reforza aínda máis a política buscada de reducir o gasto para estabilizar a taxa de inflación. Tampouco é, como aparenta, unha agresión á libre empresa pois os bancos actuais son calquera cousa menos empresas que operen nun mercado libre. Gozan do privilexio sancionado legalmente de crear diñeiro, equivalente a todos os efectos ao impreso na Fábrica da Moeda, a través do multiplicador bancario, e no caso de quebra son rescatados a través do fondo de garantía de depósitos, que para este motivo foi establecido. Os beneficios poden ser menores pero obteñen a cambio un menor risco nas súas actuacións. O señor Pena Beiroa, nunha excelente análise publicada neste xornal, ben o puxo de manifesto incidindo na asimetría que teñen os bancos á hora dos concursos de acredores a respecto de calquera outro tipo de empresas.

Más estes privilexios teñen pouco que ver co libre mercado ou o capitalismo, pois os bancos non deixan de ser máis que unha ferramenta máis da que dispoñen os estados á hora de financiarse, son eles os que adquiren boa parte da débeda estatal, ou implantar políticas públicas no ámbito económico. Os bancos son usados para resolver problemas ou cofinanciar as aventuras empresariais do sector público, como é o caso dos Next Generation ou medidas análogas; como, se non, ían arriscarse en empresas tan incertas. A cambio obteñen unha rede de seguranza no seu funcionamento e a proba está en que non reclaman a supresión destes privilexios e operar nun ambiente similar ao do resto das empresas.

A comprensión do funcionamento do sistema bancario non é doada e é opacada por discursos políticos que a consideran unha sorte de poder na sombra capaz de controlar a vida económica dun estado, cando non son máis que tigres de papel que non poderían vivir fóra da protección del. Poderiamos entón preguntarnos por que non son nacionalizados, pois a todos os efectos funcionarían igual, como se puido ver naqueles bancos que o foron durante a crise do 2008, que a todos os efectos funcionaron practicamente igual que os outros mentres foron propiedade estatal, dirixidos en moitos casos por persoas procedentes da propia clase política. As razóns son as mesmas polas que se externalizan outros servizos públicos, a de evitar presións políticas e ter unha forma de eludir os problemas no caso dun mal funcionamento. De ser pública a banca, os gobernos estarían sometidos a todo tipo de presións, tanto pública como privada, para financiar proxectos e o crédito sería outorgado politicamente con todos os problemas de eficiencia que isto traería e que minarían os beneficios dos que agora obteñen impostos. Ademais, de haber unha crise non terían a quen culpar da mesma, terían que asumir responsabilidades e non poderían subirlles os impostos para aparentar que loitan contra as grandes fortunas.

Comentarios