Opinión

Espada de Bolívar

Critiquei no seu momento a El-Rei Filipe no que foi o seu maior erro político da súa vida, o de terse posicionado no conflito catalán. Non é cousa súa se os cataláns deciden ou non independizarse. A soberanía catalá é asunto propio do goberno e dos líderes políticos cataláns españois como representantes do pobo, pero para nada algo que deba afectar a un rei. Posicionarse transformouno nun actor político máis e dende entón perdeu a aura institucional. Dende entón hai zonas españolas que non pode case nin pisar e transmitiu o rexeitamento á súa filla que nada tiña que ver.

Debería ter aprendido da exquisita neutralidade da raíña Isabel de Inglaterra que non fixo comentario público ningún a respecto do referendo de independencia escocés. A consecuencia é que a raíña está a desfrutar das vacacións na súa residencia escocesa sen ser molestada e respectada por todos.

Máis dado que o critiquei no seu momento por faltar aos seus deberes como rei, quero defender agora súa postura a respecto da espada do Libertador. Os rituais políticos adoitan ser complexos (no noso ámbito cultural adoitan imitar as liturxias católicas co seu cerimonial de erguerse, sentarse ou axeonllarse nas distintas partes dun acto de culto como a misa) e cargados de simbolismo político polo que un erro ao seguir o protocolo pode ter serias consecuencias diplomáticas. Intúo que a espada do Libertador debe ter un forte simbolismo político para a poboación de Colombia e outros pobos hispanoamericanos pero que ese simbolismo é distinto entre as distintas visións políticas. Para algúns o simbolismo e claramente positivo, como parece ser o caso do novo presidente Gustavo Petro e os seus seguidores, mentres que para outros, como o presidente saínte Iván Duque e o sectores que o apoian non aparenta selo tanto. El-Rei fixo ben entón en non manifestar o seu apoio á espada dado que iso, en primeiro lugar, implicaría tomar partido por un dos bandos, algo que un representante institucional, e máis se é estranxeiro, non debería facer polo que antes apuntamos e, en segundo lugar, porque non ten porque entender as claves do xesto ao ser propias doutra cultura. O protocolo serve así de protección a quen acoden a estes actos, pois adoitan ter en conta estas continxencias e evitan situacións incómodas ou potencialmente conflitivas en lugares nos que os valores culturais non son de todo compartidos. Só teriamos que imaxinar o que acontecería se unha autoridade estranxeira asistise a unha toma de posesión no noso estado e o novo gobernante, nunha arroutada, decidise exhibir unha bandeira coa aguia de San Xoán ou unha bandeira republicana. O normal sería que se cinguise ás normas que lle deron e non amosase deferencia por ningunha delas, non sendo nese momento símbolos oficiais.

Nós, como galegos, deberiamos entendelo ben pois todos os nosos símbolos nacionais están disputados, comezando polo propio nome do país, pois dicir Galiza ou Galicia está connotado politicamente. Os de aquí distinguimos entre himno longo e himno curto e sabemos do seu significado, o mesmo cas bandeiras, a oficial, a estreleira ou a do reino queren dicir cousas distintas e exhibir unha ou outra nun acto infórmanos moito acerca das ideas ou o contexto no que estas se están a expresar. Tamén podemos ter diferenzas acerca do escudo ou dos días patrios, con calendarios de celebracións a veces diverxentes.

Calquera autoridade que viñese de fóra veríase nun serio aperto se aplaude ou mostra excesivo aprecio por un ou outro símbolo e todos entenderiamos que se cinguise ao guión que ten marcado e non buscase conflitos innecesarios. Isto foi o que fixo, e fixo ben, El-Rei Felipe.

Comentarios