Opinión

Dugin e a arma nuclear

Cando afirmo que a Rusia vaille mal nesta guerra e que o seu futuro como Estado está a ser severamente ameazado non o fago como consecuencia das lecturas de medios de propaganda otanistas, que non adoito seguir, senón polo que os propios medios partidarios da Rusia din e, sobre todo, polos xestos do gobernantes rusos e polo que estes fan ou deixan de facer. Por exemplo, se observamos que se están a desenvolver negociacións de paz entre armenios e azerís nos USA baixo a tutela do seu Goberno, é indicativo da perda de peso da Rusia no que antes era o seu espazo de influenza. Ou, por exemplo, que os británicos ousen entregar foguetes de longo alcance, do estilo do que atacou a fábrica de armas de Lugantsk o pasado venres, apunta a que non parecen terlle moito medo ás represalias rusas.

Ou que os chineses envíen un embaixador para Eurasia, para tentar convencer a polacos e outros países de que apreman Zelenski para chegar a acordos de paz e tentar salvar a cara dos rusos. Ou as declaracións de Prigozhin a respecto de que tivo que gastar parte da propia munición contra os soldados rusos para que estes non fuxisen. Pero, sobre todo, os comunicados de Dugin e Soloviev sobre as medidas que debería adoptar o Goberno ruso son os que máis chamaron a miña atención.

Ambos din máis ou menos o mesmo, que hai que comezar a pensar no uso de armas nucleares, tácticas ou incluso estratéxicas nesta guerra. Pero vou quedar co de Dugin, pois paréceme un pensador nacionalista ben interesante, e aínda que eu persoalmente prefira o fermosísimo nacionalismo místico de Lev Gumilev (moi pouco coñecido entre nós) ao del, recoñezo que el e seu discípulo Leonid Savin teñen feito aportacións moi relevantes no ámbito da xeopolítica e a nova orde mundial, sen descoidar a cuestión nacional.

Publicista máis prorruso nesta guerra que o gran teórico do eurasianismo Alexander Dugin non parece ser fácil de atopar, non só por terse amosado partidario dende o comezo da agresión, senón porque parece coñecer relativamente ben as dinámicas internas da estrutura de poder do seu país, á cal, porén, non pertence. Pero que ten relevancia como teórico do nacionalismo máis belicista ruso demóstrao o feito de que foi escollido como albo dun atentado, probabelmente de orixe nos servizos de intelixencia ucraínos, que ao final custoulle a vida a súa filla, Daria, tamen partidaria da actual guerra.

Dugin, no seu comunicado, ademais de recomendar comezar a considerar a posibilidade dunha intervención nuclear a pequena escala, recomenda a declaración de guerra a Ucraína e a militarización do país baixo o control do comandante supremo. Tamén recomenda a depuración de traidores no exército e na administración, e a implantación no país dunha doutrina patriota fóra do liberalismo supostamente dominante. Nada novo no seu discurso, excepto o do potencial uso da arma nuclear.

De nada lle ha valer aos rusos tal arma. Esta serve para evitar ser agredido ou conquistado por un país externo, pero non vale para un ataque exterior porque os amigos deste poden devolvercha e os teus amigos non están interesados no alboroto comercial que causaría. Ademais, unha explosión táctica de pouco valería nun conflito onde non hai grandes concentracións de tropas e onde as que hai están mesturadas nos dous bandos en conflito. Habería que tirala sobre una cidade e dubido que isto lles axudase.

A mera mención á arma nuclear amosa, como no caso do Vietnam, onde tamén se discutiu tal probabilidade, a desesperación de quen vai perdendo a guerra e non sabe como saír dela. Isto é precisamente o que está a recoñecer Dugin e outros propagandistas, que saben ben da descomposición que lle agarda a Rusia cando perda a guerra, pero que moito me temo non han poder evitala salvo que a NATO ao final remate intervindo e tutelando a súa transición.

Comentarios