Opinión

Control de prezos, ruína do pequeno comercio

Cando Diocleciano ou Robespierre promulgaron, tras tempo de devaluación das súas moedas, un con adulteración con metal ruín e outro con emisión de asignados de papel, que é o que causa onte e hoxe a suba dos prezos, decretos de control de prezos, aplicábanselles a todos os comerciantes, pois o concepto da gran distribución aínda non existía. Os controis de prezos aplicábanselles a retallistas e acaparadores, que eran dunhas dimensións moi reducidas, non sendo nin moito menos as multinacionais que son hoxe, nin sequera cadeas de ámbito mediano. Os controis de prezos do pasado remataron, coma todos, con desabastecemento das tendas, baixadas da calidade dos bens ou longas filas para adquirir os poucos bens finais a prezo controlado, que en moitas ocasións teñen que racionarse. Parece que a historia non ensina nada e en vez de intentar buscar outras solucións máis imaxinativas, como favorecer a competencia ou que os produtores se asocien e vendan directamente sen intermediarios (o que non é fácil, por certo) imos sempre castigar o elo final da cadea que é quen supostamente sobe os prezos. 

Pero nun control de prezos, nestes tempos, pásase por alto que os mecanismos de distribución de alimentos e outros insumos básicos cambiaron substancialmente dende os tempos en que Franco controlaba prezos e alugueres e impuña cartillas de racionamento. Agora existen grandes cadeas de distribución que se expandiron precisamente porque adoitan ser más baratas có comercio de proximidade. Na actual crise inflacionaria subiu espectacularmente o prezo dos alimentos por culpa da errática política do BCE, pero subiron en todos os establecementos, grandes,  pequenos e multinacionais, co engadido de que moitas grandes superficies, debido ao seu poder negociador, subíronos un pouco menos co resto. De aí que incrementen a súa cota relativa de mercado e ganen cada vez maior presenza nas decisións de compra.

Un control de prezos ou é selectivo, aplicado só a algúns establecementos, presumibelmente os máis grandes, ou é xeral para todas as tendas, para evitar discriminacións arbitrarias, pois habería que determinar a partir de cal tamaño son aplicadas. No caso de ser xeral hai que considerar que o pequeno comercio non compite por prezos, senón por calidade, proximidade, especialización ou personalización no trato. Moitos compradores prefiren pagar un pouco máis a cambio dunha mellor calidade no servizo. Un control de prezo xeral sería letal para estes pequenos comerciantes que dificilmente poderían afrontar vender produtos a custo ou por debaixo do custo, obrigándoos a competir co mesmo prezo cás grandes superficies sen a súa capacidade de compra. Se o control é selectivo, para as multinacionais ou as consideradas polo decreto regulador grandes superficies, aparecerían diante dos consumidores como tendas aínda máis baratas, incrementando o diferencial de prezos co pequeno comercio e facéndoas relativamente máis atractivas. Lembremos que en tempos de crise as grandes cadeas de desconto ou de prezos baixos, aínda sen control de prezos, adoitan medrar substancialmente en detrimento das máis caras e especializadas, polo que o problema se agravará. Sen contar con que as grandes superficies teñen a capacidade de facer subvencións cruzadas dos produtos regulados.

Se queremos rematar coa inflación deixémonos de ocorrencias probadamente fracasadas e premamos para que o BCE deixe de emitir diñeiro ou de adquirir masivamente a xa moi afectada débeda pública. Sería ben máis efectivo.

Comentarios