Opinión

Cereal ucraíno

Leo neste xornal unha excelente crónica das protestas dos labregos do leste da Unión Europea, polacos, búlgaros, romaneses e eslovacos, pola supresión de impostos aduaneiros ao cereal procedente de Ucraína. Esta supresión de impostos, supostamente para facilitar o tránsito cara a terceiros países moi dependentes destes alimentos, deu en que parte deste gran máis barato foi desviado a fábricas locais coa consecuencia de que os produtores deses países viron reducida a demanda dos seus cultivos.

As súas protestas parece que xurdiron efecto e conseguiron que os seus gobernos, saltando todas as regras comunitarias, vetasen as importacións ucraínas. Supoño que un dos discursos típicos na esquerda internacional sería o de que a neoliberal Unión liberalizou o comercio de gran á custa dos intereses duns labregos sometidos ás directrices do gran capital internacional, e por suposto, seguindo os ditados do imperialismo ianqui, que buscaría con esas medidas axudar aos esforzos de guerra ucraínos e reforzar de paso a súa posición no espazo xeoestratéxico da antiga Unión Soviética.

Tal discurso non é de todo incorrecto pois moitos destes factores poden ter influído na medida pero fallan no de que a Unión Europea é neoliberal. A Unión pode as veces facer medidas neoliberais, como as fai o FMI ou o Banco Mundial, pero ningunha destas institucións foi concibida para defender os mercados libres senón para regulalos en favor das potencias que os controlan. Da mesma forma en que poden facer políticas dende perspectivas neoliberais, poderían perfectamente facelas dende outra perspectiva ideolóxica, de feito a idea inicial de Keynes era a de crear un diñeiro mundial, o Bancor, que serviría para xestionar a economía mundial dende institucións centrais, o FMI e o Banco Mundial. A UE e súas institucións económicas foron pensadas na mesma liña, e non precisamente por neoliberais, para ter a capacidade dirixir a economía europea tamén dende institucións centralizadas como o BCE.

Poderase argumentar que o levantamento dos impostos aduaneiros é unha medida neoliberal, e en efecto éo, pero dado que até o ano pasado tíñanos estabelecidos e dado que os poden pór e quitar á vontade e de que en xeral a UE se comporta como un artefacto altamente proteccionista con algúns mercados e altamente liberal con outros, podemos ben afirmar que non é precisamente o que os vellos valedores do libremercado, os antimperialistas como Cobden e seus seguidores da escola de Manchester, defenderían como modelo político.

Un ente como a UE non está deseñado para o neoliberalismo. De querer un modelo de libre mercado só cabe voltar a un modelo semellante ao da Europa medieval, cos seus centos de reinos, como o noso vello reino da Galiza, principados, bispados e cidades libres. Europa voltaría a ser un mosaico político feito de mil pezas no cal as medidas verdadeiramente liberais si poderían levarse a cabo. Cada unidade soberana podería escoller o seu tipo de organización social e económica e por tanto as políticas económicas e comerciais que entendese, pero tería que asumir as consecuencias das súas decisións ao non poder obrigar outras a seguir o mesmo modelo.

Os agricultores eslovacos, por exemplo, poderían impor restricións ao millo ou ao trigo da República de Lugansk, mais non poderían impedir que os gandeiros galegos ou frisóns, beneficiados polo cereal barato, si o fixesen. O libre cambio neste sistema de Estados está garantido moito máis aló do que os oligarcas da UE queiran. Nun estraño efecto boomerang os labregos búlgaros, polacos e eslovacos querendo que a UE os protexa están, de feito, a debilitala e a favorecer a longo prazo o verdadeiro librecambismo. Oxalá teñan éxito.

Comentarios