Opinión

Brexit: O Reino Unido volta a Europa

Os chamados europeístas láianse da consumación definitiva do Brexit. A verdade é que tardou e até o final estívose tentando reverter o resultado do referendo ou, cando menos, condicionar o seu contido, pero ao final conseguiuse rematalo. Láianse, mais se verdadeiramente son defensores da idea de Europa deberían ao contrario estar ben ledos pois o que revive é Europa de novo e con todo o seu xenio, e este é o de estar dividida dende sempre en multitude de unidades políticas. E non só isto senón que sempre houbo resistencia férrea a calquera intento de unificación. Europa nunca na súa historia, a diferencia da China, por exemplo, estivo unida politicamente e esta desunión foi un dos principais factores que explican a súa extraordinaria vitalidade cultural e o seu desenvolvemento económico a respeito doutras partes do mundo.

Así o explican numerosos autores como Eric Jones, Jared Diamond ou Jean Baechler, entre outros moitos, quen afirman que esta desunión política, especialmente a medieval cos seus centos de unidades políticas no espazo europeo, garantiu sempre espazos de liberdade e de innovación política, cultural e económica. A competencia entre Estados limitou o poder e permitiu a aprendizaxe mutua entre eles en todos os ámbitos, social económico e político. Simplesmente algún territorio ideaba algunha institución, se esta funcionaba era copiada e se non, esta era rexeitada. Esta dinámica de competición non se deu na China, por exemplo, quen dende que foi unificada por última vez comezou a esmorecer e de ser máis próspera que Europa pasou a esmorecer lentamente, ficando no atraso e chegando a ser parcialmente colonizada no século XIX, de tal forma que á dividida Europa, coas súas relativamente pequenas unidades políticas, chegou a imporlle duras condicións ao centralizado Celeste Imperio.

Mais nos anos 90 a un grupo de políticos europeos ocorréuselles a idea de imitar a China e tentar unificar politicamente o noso continente, esta vez por medios pacíficos, e abandonar o exitoso modelo do mercado común, ao cal hai que atribuír os éxitos económicos e de preservación da paz dende a segunda guerra mundial (os éxitos da moderna UE de Maastrich aínda están por descubrir e non conto o euro entre eles). Este modelo de centralización é antítese do espírito que construíu a cultura europea, como ben descubriron os británicos que en canto lles deixaron optar decidiron abandonalo.

Houbo no século XIX un movemento antiimperialista de dereitas na vella Inglaterra próximo á librecambista e capitalista Escola de Manchester, coñecido como os Little englanders (agora os europeístas o usan como insulto) que eran radicalmente opostos ao imperio británico e nalgúns casos tamén ao propio dominio inglés no Reino Unido. Defendían estes os dereitos de Irlanda, Escocia e Gales a separarse en paz se así o desexaban, de tal forma que a nación inglesa puidese manter as súas tradicións e vivir en paz co resto do mundo. O Brexit é o primeiro paso para cumprir ese soño e ao tempo pór os cimentos da vella Europa restaurada. Benvido sexa.

Comentarios