Opinión

Sempre Luz

Foise Luz. Marchou, elegante e discreta. Os anos chamaron pola lei de vida, mais aínda así parécenos cedo. Porque cada encontro nun evento literario, cada palabra pronunciada, cada sorriso cómplice, cada conversa telefónica con Luz traía luz para transparentar unha alma boa. A elocuencia acompañaba a poeta, a muller sempre atenta ao seu tempo.

Cheguei a Luz coa lectura do Códice Calixtino. Volvín a el para preparar o temario da oposición como profesora de lingua e literatura galega. Volvo agora ao mesmo volume para reler os versos luz enmarcados polas miñas notas manuscritas para o ensaio dun posíbel comentario de texto.

Tería que agardar aos últimos tres lustros para coñecela de perto, para saber da súa humanidade, do seu trato cálido e afábel, da súa referencialidade transgresora como muller poeta desde a década dos 50 na construción do corpus literario galego contemporáneo, xunto ás irmás Pura e Dora Vázquez, Xohana Tores e María do Carme Kruckenberg, e da comuñón empática coas novas poetas herdeiras. Non poucas veces pensei no seu efecto multiplicador rosaliano.

Unha tarde de outubro de 2015 Luz Pozo Garza e eu mantivemos unha demorada conversa na súa casa. Falamos de pasado, presente e futuro. Muller sabia, elocuente, ser de luz. Rematamos tarde porque unha vida intensa precisa das palabras. E porque Luz era conversa pura que esvara polo bambán do tempo. Convenceume para tomar un café e unhas galletas "especiais".

Cando saín da casa amiga non sabía como contar aquela conversa no breve espazo que este xornal me ofrecera. Intenteino e ela ficou contenta.

Volvo a ela nos versos da excelsa poeta, volvo ás palabras xenerosas e os risos nobres e a ollada pícara de luz acompáñanme na tristeza da despedida.

O café e as galletas da tardiña serán contigo, Luz, e coa túa palabra de vida perenne porque
"Non sabían os anxos
que estou aprendendo a vivir...!”
 

Comentarios