Opinión

A ruptura da dereita en Nafarroa

Na dereita navarra ocorreu o que todos esperabamos. Sergio Sayas e Carlos García, candidatos de UPN nas eleccións españolas de 2019, presentaranse co PP aos comicios municipais e forais que terán lugar a finais de maio, nos que, ademais dos concellos, tamén estará en xogo a formación do parlamento, que despois elixirá á ou ao presidente de Nafarroa.

UPN acordara apoiar a reforma laboral do goberno de Pedro Sánchez; con todo, Sayas e García romperon a disciplina do partido e votaron en contra, na mesma liña que o PP. En consecuencia, ambos foron expulsados do partido, e agora os dous decidiron aceptar a proposta do PP, unha proposta realizada coa intención de debilitar as forzas de UPN.

UPN é un partido que opera exclusivamente no territorio navarro, un partido rexionalista, de dereitas, e contrario a todo o que se asemelle ao vasco

Moitas e moitos dos vosos lectores, María e Vicent, preguntaranse que é UPN. En dúas palabras, UPN é un partido que opera exclusivamente no territorio navarro, un partido rexionalista, de dereitas, e contrario a todo o que se asemelle ao vasco. Un partido creado en 1979 da escisión da outrora desaparecida UCD, con motivo da cuarta disposición transitoria da constitución española, que prevía a fusión de Nafarroa con Áraba, Guipúscoa e Biscaia.

UPN foi o partido máis votado nos longos últimos anos, pero quedou só desde que o PSN accedeu a unirse á fronte de esquerdas en 2015. Salvo en Pamplona.

O PP navarro carece de estrutura e de líderes coñecidos, e a súa presenza no ámbito municipal é case nula. Con todo, en Madrid decidiuse que xa é hora de terminar coa especial situación de Nafarroa e tratar de expandir o partido como cómpre. Para iso, o PP necesitaba algún líder de referencia, e tanto Sayas como García mostráronse dispostos a enrolarse nese exercicio de transfuguismo.

Nas próximas eleccións, o PP obterá malos resultados na maioría dos pobos e cidades de Nafarroa, pois aquí e alá terá dificultades mesmo para formar as súas listas. Poida que, con todo, na votación para o parlamento consiga facerlle algún dano a UPN, aínda que non grave.

Mentres tanto, a esquerda está contenta coa ruptura da dereita.

Comentarios