Opinión

Un pin cheo de contradicións

O 3 de decembro celébrase o Día Internacional do Euskara. Este ano, ademais, coincide cunha iniciativa que denominamos Euskaraldia, organizada conxuntamente por institucións públicas e por organizacións sociais, co obxectivo de impulsar a utilización do euskara. Dito brevemente por mor da falta de espazo, diferéncianse dous grupos principais: por unha banda, quen sabe falar euskara, e, por outra banda, quen son capaces de comprendelo, sen chegar a falalo. Quen participa no primeiro grupo mostran no peito un pin que amosa uns beizos; quen participa do outro grupo exhiben unha chapa que representa unha orella. A idea baséase en identificarnos ante o interlocutor.

A partir de 2018, esa iniciativa levouse a cabo cada dous anos, e a deste ano será a terceira. Abarca 15 días, cada dous anos. Sobra dicir que durante eses días non nos limitamos a mostrar un pin no peito: organízanse tamén unha serie de eventos aquí e alá.

Co debido recoñecemento a quen estes días traballan plenamente na campaña, sempre me preocupou a intensidade da campaña mesma, xa que me custa inferir que se poida avanzar moito neses quince días recorrentes cada dous anos. É evidente que as realidades locais son diferentes, pero, mesmo alá onde a situación do euskara é moi minoritaria, que se pode lograr con esa intensidade?
Acaso hai algunha actividade nas nosas vidas que practicada durante dúas semanas cada dous anos logre un avance significativo? Nos estudos, no deporte, na actividade profesional… Para que a campaña sexa exitosa, hai unha clave fundamental e, en verdade, que se fai de rogar: que quen mostra no peito o pin coa imaxe dunha orella —aquelas persoas que entenden euskara, pero non o falan— opten logo por aprender euskara. Doutra maneira, corremos o risco de fosilizarnos. E non é moco de pavo adoptar a decisión de aprender seriamente unha lingua. Tanto nun euskaltegi, como na internet, ou a través de grupos de conversación… Os métodos son moitos. Con todo, é suficiente a intensidade que empregamos para lograr ese obxectivo? 

Xa sei, María e Vicent, que nos vosos países tamén se acenderon hai moito as luces de alarma no que respecta á situación das vosas linguas. Trátase dunha preocupación moi estendida entre os especialistas dos nosos países. Avanzamos moito cualitativamente, pero ranqueamos cuantitativamente.

Comentarios