Opinión

Unha oportunidade para a selección vasca

Lía esta semana en Vilaweb, Vicent, que a denominada 'pilota valenciana' foi legalmente aprobada, xa que a comisión encargada de debater a Lei Española do Deporte votou a terza feira a favor de lle outorgar devandito recoñecemento. E non podo evitar preguntar: até o de agora era ilegal? Non parece que o fose moito, tendo en conta que contaba con 3.700 xogadores, 108 equipos e centos de frontóns, así que a verdade é que lles custou darlle ese recoñecemento. Ademais, tocounos ver que o PSOE votou en contra. 

Grazas a ese recoñecemento, este deporte propio do pobo valenciano recibirá axudas que até o de agora non recibiu: subvencións, bolsas, a oportunidade de xogar no estranxeiro... Como consecuencia do acordo obtido na citada comisión entre o PNV e o PSOE, ás e aos deportistas vascos de certos deportes abriráselles a porta para que poidan participar en campionatos internacionais. Parece que isto será posíbel polo menos na pelota vasca e no surf. A dúbida é maior no caso dos deportes rurais. En cambio, no xogo de corda e no kaiak a selección vasca é oficial.

Hai algúns anos, Vicent, en Catalunya tivestes unha confusa situación con respecto á oficialidade e a non oficialidade da patinaxe sobre rodas. Oficializouse en 2004, só durante un ano, e a selección gañou o campionato mundial B.

A casualidade quixo que o acordo da terza coincidise no tempo co Campionato Mundial de Pelota Vasca que se está xogando estas semanas en Biarritz. Para moitas e moitos afeccionados á pelota, revélase moi doloroso ver que os xogadores da nosa terra, en caso de participar, deben facelo co equipo español ou co francés.

Vai ser un camiño infestado de dificultades, de preguntas sen resposta fácil, pero é un primeiro paso relevante; unha fenda nesa porta que permaneceu blindada durante décadas. Poderán xogar as e os deportistas de Nafarroa e de Ipar Euskal Herria xunto cos de Áraba, Biscaia e Guipúscoa? Formará Nafarroa a súa propia selección neutralizadora do mesmo modo que fixo en 2003 coa selección de fútbol?

O próximo campionato terá lugar na Arxentina, en 2026. Estará presente a camiseta vasca?

Comentarios