Opinión

Nafarroa, tan animada como sempre

O próximo 28 de maio celebraranse as eleccións municipais nos nosos países, na Galiza, Catalunya do Sur e Hego Euskal Herria. No noso caso, cunha particularidade: tamén se celebrarán as eleccións ao Parlamento de Nafarroa. Do mesmo modo que nas convocatorias pasadas, os de Nafarroa son os comicios que máis interese xeraron, xa que non se espera ningunha sorpresa nos resultados de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa. A disputa entre o PNV e EH Bildu en Gipuzkoa tamén será un dos principais focos de atención para moita xente.

A situación en Nafarroa é moi diferente, posto que o terreo de xogo está moito máis animado. O principal partido nas eleccións ao Parlamento de Nafarroa é UPN, que fai catro anos presentouse xunto co PP e Ciudadanos baixo a marca Navarra Suma. Esta semana UPN anunciou o que xa se esperaba: que enterrará a Navarra Suma e presentarase en solitario en maio. Aínda sendo o partido máis votado nos comicios de 2015 e 2019, UPN non puido formar goberno. En 2015, Uxue Barkos (Geroa Bai) chegou á presidencia tras quedar segunda nos resultados, e en 2019 foi María Chivite (PSN) a presidenta electa, tamén tras quedar no segundo posto.

Os dous últimos gobernos contaron co apoio de EH Bildu á hora de nomear as presidentas e de decidir sobre cuestións importantes como os orzamentos. As eleccións de Nafarroa exponnos moitas preguntas e dannos poucas respostas. UPN, unha vez disolta Navarra Suma, aínda non perdeu a esperanza de formar goberno xunto co PSN, xa que é a única oportunidade que lle queda para non pasar outros catro anos –serían doce en total– no deserto político. Se o PSN empeora os seus resultados, arrastrado polo PSOE, pode que non quede segundo, e hai dúas candidaturas que teñen pouca diferenza de votos e que anhelan ese posto: Geroa Bai e EH Bildu.  

O PSN apoiaría máis facilmente unha presidencia de Geroa Bai que unha de EH Bildu. En cambio, en Madrid é EH Bildu quen, xunto con outros, sostén ao presidente español Pedro Sánchez.

Do Concello de Pamplona falaremos noutra ocasión.

Comentarios