martes 07/12/21

Os modelos policiais, a debate

Con que mentalidade se une un policía á unidade de antidisturbios? Teremos que pensar que, tendo en conta que se trata dun destino voluntario, ningún responsábel o obrigou a facerse cargo dese labor tan particular.

Os afeccionados á montaña adoitan solicitar formar parte dos grupos de rescate de montaña; os amantes das actividades submarinas, estar entre os mergulladores de rescate; e os que desexan dedicarse á ciencia forense, traballar nun laboratorio de investigación. E, no caso de quen se inscribe na unidade de antidisturbios, que é o que os anima a entrar nesas unidades cuxa función principal é ás veces facer labores de contención e demasiado a miúdo pegar violentamente? Tamén reciben, mais moito menos do que dan.

Na orixe desa decisión hai unha tendencia para sentir certa comodidade en ambientes conflitivos, pola contra é incomprensíbel que alguén queira formar parte da devandita unidade.

Hai dúas características que sempre me espertaron curiosidade respecto a ese tipo de policía: o perfil psicolóxico e a tendencia sociopolítica dos axentes. No primeiro caso, é de supor que realizarán análises psicolóxicas a quen queira entrar na unidade, tanto ao comezo como unha vez asumidas esas funcións.

O novo modelo policial é un dos puntos chave nas negociacións de Goberno en Catalunya

No segundo caso, non é difícil adiviñar as siglas políticas preferidas dos que, ás veces, toman por inimigo o cidadán que está a defender o seu posto de traballo e ábrenlle a cabeza. A frase pronunciada polo policía responsábel a noite que mataron a Cabacas resume claramente dita tendencia: “Á herriko con todo”. 

É un fenómeno que se dá entre os policías de todo o mundo e que non ten fácil solución: o poder autónomo que algúns membros crean dentro da policía. É dicir, crean un poder propio, e teñen capacidade de influencia, até o punto de condicionar a actuación dos seus responsábeis políticos. Chegan a ser intocábeis, e fan avións de papel cos expedientes que lles abren.

María, no voso caso non tedes policía propia. Vicent, parece que o novo modelo policial se volveu un dos puntos chave nas negociacións para formar Goberno en Catalunya. Un debate interesante.

Os modelos policiais, a debate
comentarios