Opinión

O laboratorio de Gipuzkoa

Tal e como ocorre tras a maioría de eleccións locais, os xornalistas non nos imos aburrir as próximas semanas. Nin no noso país, nin na Galiza, nin en Catalunya, posto que os resultados das eleccións crearon un escenario interesante.

O que ocorreu no noso país pode resumirse así: "PNV caeu de maneira preocupante e EH Bildu subiu de maneira notábel". En Bizkaia e Bilbao, a pesar de que perdeu cota, PNV é o partido máis votado. En Gasteiz, gañou EH Bildu, e PNV quedou cuarto, despois de PSE e PP.

En Euskadi o PNV caeu de maneira preocupante e EH Bildu subiu de maneira notábel

En Nafarroa, a socialista María Chivite será presidenta co apoio de EH Bildu, a pesar de que o seu partido –se non cambia moito a situación– impedirá que sexa alcalde de Iruñea Joseba Asirón, de EH Bildu, que estivo a piques de gañar as eleccións. Os resultados do domingo crearon un laboratorio político en Gipuzkoa para os días vindeiros. Maddalen Iriarte, de EH Bildu, triunfou nas eleccións para as Xuntas Xerais, cando nese territorio case sempre venceu o PNV. O parlamento territorial conta con 50 escanos, e elixe o cargo de deputado xeral. EH Bildu obtivo 22 escanos, o PNV 17, o PSE 7, o PP 3 e Elkarrekin Podemos 2.

O PNV e o PSE suman 24, e fáltanlles dous para alcanzar a maioría. Se o PNV e o PSE fechasen o trato con Elkarrekin Podemos, que perdeu a metade dos escanos, obterían 26; se o fechasen co PP, lograrían 27. Politicamente, resultará máis cómodo pactar con Elkarrekin Podemos, e eludir o apoio de PP. Pero se os morados se negan, necesitarán os do PP, co que iso implica: non gañar as eleccións, e obter a presidencia co apoio de PP.

A situación en Barcelona, Vicent, tamén está moi animada, vista desde fóra. O domingo gañou Xabier Trias, de Junts, pero poida que a clave estea en ERC, a pesar de que obtivo malos resultados. En Santiago, María, o BNG quedou en segundo lugar, e cabe a posibilidade de que pacte cos socialistas e con Compostela Aberta, e lle arrebate a alcaldía ao PP, que conseguiu gañar as eleccións municipais.

Comentarios