Opinión

Escocia? Agora, ao plan B

A decisión do Tribunal Supremo do Reino Unido sobre o referendo de Escocia chegou antes do que criamos; antes do previsto e, ao mesmo tempo, sen ningún imprevisto, xa que chegou nos termos que esperabamos.

Os escoceses consultaron ao tribunal se dispoñían da competencia para celebrar un referendo sen ningunha validez legal. É dicir, segundo dita formulación, no caso de que se celebrase a consulta e gañase o si, non pasaría nada, e Escocia seguiría sendo parte do Reino Unido. Alguén podía esperar que un tribunal destas características determinase que os descendentes de William Wallace poderían chamar a un referendo cando e como quixesen, aínda non sendo unha consulta vinculante?

Será interesante saber cal é o plan B dos escoceses, porque seguro que teñen un. Sabían, dado que coñecen mellor ca nós a estrutura e a mentalidade do antigo imperio, que recibirían un non rotundo por parte dos cinco maxistrados e que ían convidalos a xogar a partida na sede de Downing Street e na cámara de Westminster. A decisión contén unha segunda mensaxe: o de non levar problemas políticos aos tribunais.

Alguén esperaba que o Tribunal Supremo do Reino Unido determinase que os descendentes de William Wallace poderían chamar a un referendo cando e como quixesen?

Os escoceses contaban cun antecedente: a decisión tomada polo Supremo de Canadá sobre o proceso de independencia de Quebec. Naquel caso, aínda que fose a posteriori, o Supremo estabeleceu certas normas que deberían cumprir en adiante. Iso é o que querían comprobar os escoceses: se o Supremo do Reino Unido estaría disposto a tomar o camiño que tomou o de Canadá e a estabelecer algúns criterios sobre a solución definitiva do asunto.

O referendo de Quebec levouse a cabo en 1995 e o Supremo de Canadá fixo públicos os criterios tres anos máis tarde: o proceso non pode ser unilateral, debe ser acordado por ambas as dúas partes e a pregunta debe ser clara. Baseado neses principios, o Parlamento de Canadá aprobou a Lei da Claridade no ano 2000.

Os escoceses querían que o Supremo do Reino Unido fixese o mesmo. A resposta foi negativa. Con esa porta pechada, agora toca recorrer ao plan B.

Comentarios