Opinión

O cerebro e os músculos dos policías

Esta semana foi de policías. A falta dunha, dúas: a Ertzaintza e a Policía Nacional española. No caso da policía a cargo do Goberno vasco, o feito de que algunhas mulleres vítimas de violencia machista recibisen un trato inadecuado por parte dalgúns ertzainas, dito de forma sutil, enfrontou o Ararteko, Manuel Lezertua, e o Departamento de Seguridade do Goberno vasco.

No caso ao que se refire o Ararteko, os ertzainas de dúas comisarías non mostraron ningunha empatía nin sensibilidade coa muller que acudiu a interpoñer a denuncia; dese xeito, ignoraron o protocolo previamente estabelecido polo Ararteko. Preguntáronlle á muller se estaba segura de que ía poñer a denuncia, se era boa idea...

Para ser un bo policía, na maioría dos casos, é máis eficaz desenvolver ben o cerebro que exercitar os músculos do peito

Vaia cadro: unha muller que foi golpeada vai á comisaría da Ertzaintza e atópase cuns policías que non fan o seu traballo e que a queren desanimar. Para ser un bo policía, na maioría dos casos, é máis eficaz desenvolver ben o cerebro que exercitar os músculos do peito e dos brazos; mesmo cando o candidato non supera as probas físicas por ter uns quilos de máis. Todo iso ocorreu xusto a semana na que o lehendakari Iñigo Urkullu se queixou de que "a Ertzaintza non pode perder o respecto da sociedade". A sociedade tampouco pode perder o respecto da Ertzaintza.

Cambio de cor, do vermello ao azul. O xefe da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Irún da Policía Nacional española decidiu conceder máis días libres aos axentes por deter os migrantes que cruzan irregularmente a fronteira internacional entre Irún e Hendaia. Cantos máis migrantes detidos, máis días festivos terían os policías. Pretendían iniciar ese plan o 1 de xullo, pero tiveron que anulalo.

Que formación ten ese responsábel da Policía que traballa con migrantes no 2023? Ten os migrantes como inimigos. Que lles ensina aos novos policías que están ao seu cargo? Que propostas, que comentarios fai ante eles? Ou o seu único obxectivo era subir algúns chanzos na escaleira de responsábel de Policía á conta do número de migrantes detidos?

Comentarios