Opinión

A aparente forza de Putin

Podería facer dano, está a facer moito dano, pero parece ser que o presidente de Rusia Vladimir Putin non tomou o camiño máis eficaz para saír do buraco no que está metido. O inquilino do Kremlin quere ocultar o que non está a gañar no territorio matando civís nas cidades, tratando de dar unha impresión de forza e medo.

Putin ten bombas dabondo, e pode matar a moitos cidadáns ucraínos nos próximos meses, pero cada morte afasta unha solución dialogada

Quen ten forza, quen ten unha estratexia gañadora, non bombardea cidades, e gaña nas zonas onde se gaña a guerra desde sempre: con armas por terra, mar e aire, e con palabras nos despachos. É dicir, diplomacia. No ámbito desa ferramenta, na diplomacia, Putin ten fechadas as portas da maioría das chancelerías importantes, porque levou a súa estratexia ao que se coñece como "unha situación irreversíbel". Ata o de agora, China non lle deu o seu apoio absoluto, tampouco Turquía... E o apoio de Bielorrusia, Corea do Norte, Eritrea e Siria non ten ningunha influencia diplomática.

Putin ten bombas dabondo, e pode matar a moitos cidadáns ucraínos nos próximos meses, pero cada morte afasta unha solución dialogada. Esas bombas son signos de debilidade.

A estratexia de Putin ten varios obxectivos. O primeiro, a vinganza, a vinganza de quen non ve ningunha vitoria no horizonte. O segundo, sementar o medo entre os ucraínos, para que estes apreman o presidente de Ucraína Volodomir Zelenski e, dese xeito, sente con Putin na mesa de negociacións; aparentemente, Putin quere negociar, pero Zelenski non. O terceiro, satisfacer o desexo de sangue dos cidadáns e militares que lle piden que arremeta máis violentamente contra Ucraína.

Mentres tanto, Estados Unidos e Europa non cambiarán a estratexia que seguiron até o de agora, xa que o seu obxectivo principal é que non morra nin un só soldado seu. Putin pode matar a tantos cidadáns ucraínos como queira —ata o de agora matou miles, e matará máis—, pero nin Estados Unidos nin Europa farán unha intervención directa nese conflito.

É Ucraína quen pon os mortos.

Comentarios