Opinión

Un dos nosos

Lembro aquela revista de negocios pousada nun sofá na casa dos pais dunha amiga. Nela saía Alberto co motivo do seu nomeamento como presidente do Insalud. No ecuador da década dos noventa, acababa de aterrar en Madrid da man do por aquel entón Ministro de Sanidade "monseñor" Beccaría, o seu mentor. Naquela entrevista proxectaba o ideal dun "JASP" con altas responsabilidades na capital do imperio, axustándose ao guión da súa oportunidade e ao momento político. Declarábase desencantado ex-votante Felipista e abnegado traballador con discreta vida privada, que acudía no seu tempo libre ao ximnasio consciente da importancia dunha "mens sana in corpore sano". O resto da reportaxe ilustrábase con tres imaxes, Alberto en coche oficial, nunha xuntanza de traballo e cultivando o seu corpo.

Moitas veces téñenme preguntado como Perales "...e como é el?", sabedores dos meus anos de cohabitación política en Compostela. Nunca fun quen de dar unha resposta concreta. Correcto nas formas e no trato, non precisa prodigarse na empatía para resultar friamente próximo. Sempre tiven a sensación de que el é consciente de que son outros os que lle fan o traballo sucio. Tamén de que se sabe garante dunha serie de intereses de aqueles que o consideran un dos seus; medios de comunicación instalados de maneira retribuída na súa gabanza, un Opus Dei que o ve coma un aliado, unha banca que lle debe uns cantos favores de centos de millóns de euros, empresas que grazas a el traballan coa administración ou en espazos privatizados do sector público, multinacionais que obtiveron importantes beneficios coa xestión dos nosos recursos e tamén un empresariado galego co epicentro aquí e a carteira fóra.

Sabedor do terreo conquistado co perfil de "home moderado de estado" que moitos progresistas alimentaron durante anos dende a capital do imperio, que ninguén agora se leve as mans á cabeza con todo o que vai propor para intentar chegar a ser presidente. Fará o que teña que facer e nada será espontáneo ou inocente. Aquí sabémolo ben. Alleo a calquera marco ideolóxico ou de principios que non sexa o do respecto polos "goodfellas", o nihilismo e o escapismo, Alberto e os seus van xa camiño de Madrid. Non os subestimen.

Comentarios