Opinión

Take a video

Tivo que chegar a décimo quinta letra do alfabeto grego para acelerar o guión, un mes antes do II aniversario desta pandemia. A OMS calcula que no mes de marzo unha ampla maioría da poboación terá pasado a enfermidade. A variante coñecida como Ómicron está a democratizar o tránsito pola Covid e a minorar, xunto coa vacinación, os riscos da mesma. Tamén empresta unha coartada para o fastío colectivo que devece por deixar atrás o duro pasado recente. A tolerancia da renuncia a vivir ten máis fendas que a vida en si mesma. Nese "laissez faire, laissez passer" dúas notas ao pé do optimismo que precisamos: as complicacións actuais son menores, pero a alta incidencia de casos segue a provocar ducias de mortes cada día no Estado. Mentres non haxa un reparto equitativo da vacina no planeta, agromarán novas variantes e teremos futuras ameazas.

Escribo este artigo confinado na casa dende hai tres días. Concilio os síntomas co epicentro dun debate patrio "Eurovisivo". Fun o último en chegar ao pleno da unidade familiar, patrocinado polo protocolo da Consellería de Educación que non entende de coidados. As "non medidas" adoptadas están a provocar contaxios masivos expondo ao profesorado e nomeadamente aos nosos maiores, persoas imprescindibles na crianza da cativada. Tamén aos pais e as nais obrigadas a non parar mentres a notaría dun test de antíxenos ou unha PCR diga o contrario.

A velocidade de transmisión da nova variante dinamitou a capacidade asistencial da atención primaria e púxolle data de caducidade ao sistema de rastrexo. Por favor, que alguén lle diga ao Sergas que non mande máis mensaxes polo móbil se non é para votar polas Tanxugueiras. Que alguén informe ao exército de terra que xa fomos conquistados.

A economía marca os tempos da inmersión e os responsables políticos, coma o xurado do Benidorm Fest, non se saen do guión "do conveniente". Podemos ter a nosa opinión, gardar o voto para as nosas, expresar outras simpatías, pero ao final sempre son outros, os menos, os que deciden que facer; "y si aún no me crees, pues me toca mostrárselo. Take a video. Watch it SloMo, mo, mo, mo, mo".

Comentarios