Opinión

Soño de agosto

Soño con cousas que acontecen no traballo, ás veces en bucle a mesma escena durante toda a noite con pequenas variacións, noutras ocasións como unha pequena incursión do día nunha visión onírica. As primeiras suceden con maior frecuencia despois de xornadas prolongadas, as segundas están presentes de maneira continua.

A piques de rematar a tarde no Centro de Saúde chega Ana cun corte nunha man por unha copa rota. No polgar un amplo colgallo sostido ao dedo por un centímetro de pel, na padiola o rastro que deixa o sangue demanda asistencia. -Ti eras o noso alcalde?, -Hoxe son o médico que te vai suturar, -Eu voteiche, -Iso non suma na consulta mais agradécese, -Ti fai un bo zurcido, a copa botouse a min cando escachou na pía, -Farei o que poida pero a pel ten que prender de novo.

Daniel regaloume un libro do venerado William Carlos Williams que leva por título “Os relatos de médicos” e un marcapáxinas da libraría Numax coa seguinte encomenda: “Escribe de política, pero sobre todo recolle as túas impresións como sanitario neste momento que estamos a vivir”. Pablo emprestoume ao carón do mar de Aldán “A historia dun médico rural” escrita por Isaac Puente, doutor e destacado militante da CNT, cun anaco de cartón e unha caramuxa pintada no seu interior para sinalar as follas. Ámbalas dúas son as lecturas de agosto.

Remato unha xornada de doce horas abafado pola calor e a carga de traballo poñendo rumbo a aldea. As miñas moran na península meca e Compostela está raptada por hordas vociferantes, que coidan ter barra libre para espoldrexar ao portar unha bandeira e un crucifixo. Ao chegar a casa sento a carón da Moura coa fresca, sírvome un viño e algo de cear mentres intento pór fin aos relatos de Williams; “O poema brota das palabras pronunciadas a medias polos pacientes que un médico ve sobre a marcha”. Emocionado pecho as tapas do libro que golpean a copa enchendo de tinto e anacos de cristal as miñas mans, que observo detidamente mentres movo os dedos na procura de feridas. Nese momento esperto.

Comentarios