Opinión

A soidade por decreto

A soidade é unha opción cando é unha escolla. Cando é por decreto, non deixa de ser unha derrota a prazo fixo. Na actualidade unhas 285.000 persoas viven soas no noso país, onde máis da metade teñen unha idade superior aos 65 anos. Segundo as proxeccións estatísticas, en Galiza seremos no 2060 a mesma poboación que no 1900. Encollemos adrede e facémolo en solitario nun territorio cunha gran dispersión.

Manolo vén ao Centro de Saúde facer os controis do sintrom. Viste gorra elegante de cores pálidas e sempre leva un sorriso posto ateigado de optimismo, "para estar na novena década non hai queixa". Vive só e sempre está de bo humor. Estes días anda contento xa que o seu Madrid gañou a Supercopa e ao Barcelona "non lle pintan ben as cousas este ano". Comenta por teléfono que o tratamento funcionoulle para a catarreira, que xa non tuse, que non ten febre pero que aínda se fatiga. Acordamos que pasarei visitalo cando remate o traballo aínda que el nada pediu.

Saio da consulta despois de atender 90 doentes nunha xornada de dobre quenda que comezou ás 9 da mañá. Son as 20:30 e o Centro pecha en media hora. O domicilio está preto e agradezo o paseo para limpar a cabeza. Un veciño exerce de Google Maps indicándome o portal do "señor Manuel", unha persoa "moi querida no barrio". Cando premo reiteradamente o número do piso ninguén contesta. Unha veciña dubida, pero ao final abre cando lle digo que un ladrón poucas veces leva roupa de sanitario. Despois dun anaco timbrando na súa porta, escoitamos a Manolo achegarse a ela. Está tan canso que non é quen de abrila, tardando uns dez minutos en darnos paso.

Ao entrar termamos del e a duras penas chegamos ao sofá onde recupera folgos. Falo por teléfono cunha familiar que acode no momento. Camiño da cama Manolo volve claudicar e rematamos os dous enriba dunha alfombra agardando pola ambulancia do 061, el mirando o teito e eu dándolle conversa. En que pensas?, pregúntolle. "En que aquí deitado estou bastante ben". Os compañeiros deciden trasladalo ao hospital despois das probas. "Semella do corazón, risco de Covid?".

Comentarios