Opinión

Pola vida

O fin de ano sempre tivo un aquel de recapitulación, antídoto contra a vertixe para orientarnos en espazo e tempo. A pandemia roubounos tamén iso, no 2020 premendo o botón do medo e no 2021 instalándonos no principio da incerteza. Seguramente non esqueceremos nada do acontecido e tampouco seremos os mesmos. Aínda así, a vida ábrese camiño como a herba no asfalto e cómpre apañala para sandar as feridas e celebrar. Non serei eu quen deixe nesta última columna do ano un gramo de tristura.

Busco refuxio na enumeración destes doce meses invocando a George Perec. Son quen de saber que se cheguei aquí foi entre outras cousas polos meus pacientes, porque tentando axudalos fun quen de socorrerme e, ao mesmo tempo, de rir e chorar con eles licenciándome nos sentimentos que envolven a perda, a enfermidade, a explotación, a soidade e o sorriso agochado trala máscara da saúde. Resistín mercando na gasolineira laranxas e whisky, desaugando o pensamento nestes artigos de cada martes no Nós, correndo diante do mal do aire ao carón dunha cadela negra polo monte preto da aldea onde moro ou atravesando os marcos das estacións na compaña da música, o cine e a literatura. Así foi como viaxei cos Durrell a Corfú e con Zarauza a Ons. Sentíndome “asimétrico sen menciñas nin Coca-Cola light” descubrín “a poesía como arte insurxente”, a importancia “do que fica fóra”, a necesidade de cantarlle “ás cousas pequenas” ou de berrar “esa pena que ás veces teño” coa perda de Xaime exercendo de “amigo dos músicos”. A familia, as amizades e os lugares teceron a rede que sostivo o trapecista nas acrobacias arriscadas. A miña lotaría foi hai anos descubrir a illa e saber que cos imprescindibles chega con mandar unha mensaxe nunha botella ao mar cando hai ardora. Ao remate de cada día cando vou dar as boas noites aos meus fillos Mara e Airas, sempre deito unha pregunta antes do bico. Canto vos quero?, “Pola vida, pai” contestan eles.

Vémonos nese lugar innegociable do vivir, o único requisito para impugnar esta organización das cousas. Feliz 2022.

Comentarios