Opinión

Oportunidade de negocio

No estado actual das cousas, as necesitadas están máis empobrecidas a cada pouco. A choiva da pandemia sobre a crise da década anterior foi unha suma que multiplicou a fenda social. A Covid pechounos a todos nos fogares sen diferenciar por renda e, cando saimos, algúns fixérono cun aumento dos seus bens económicos e a maioría cunha perda dos mesmos. Segundo un informe da Rede Europea contra a pobreza, no 2021 a desigualdade aumentou no Reino de España máis que nos últimos trece anos. A devandita memoria foi realizada antes do estoupido da inflación que a día de hoxe golpea tamén ás clases populares cunha guerra como coartada. O capitalismo é o único sistema económico capaz de transformar un conxunto de desgrazas nunha oportunidade de negocio.

O presidente da patronal no estado vén de reclamar recentemente non falar de ricos e pobres xa que iso pode radicalizar á sociedade ao diferenciar entre bos e malos. M. Rajoy tense sumado a esta liña argumental criticando que algúns gobernen para rematar cos podentes. "Acabe usted con los pobres, hágalos ricos". Ambos os dous parecen esquecer que representan os intereses daqueles que máis teñen, xogando a ser xuíz cando son parte para que nada do importante mude. Aprovéitanse, como afirmaba hai uns días Boaventura de Sousa Santos, de que "as grandes maiorías teñen moito medo do futuro e pouca esperanza de que este poida mellorar, e as pequenas minorías semellan non ter medo de nada".

A Sanidade Pública é un corrector das desigualdades sociais e tamén un rastrexador das mesmas. Cada día pasan milleiros de persoas equiparadas polo quince barra, e nelas un pode percibir as consecuencias na súa saúde derivadas da falla de recursos: problemas bucodentais, dificultades no acceso a determinados fármacos polo custe ou patoloxías secundarias ás carencias nas condicións materiais de moita xente ateigan as consultas do Sergas.

Cada vez que escoito a Mariano e a Garamendi penso na sorte que teñen ambos os dous de que os de abaixo non tomen "a xustiza pola man", e tamén na letra de Silvio Rodríguez cando canta "el que nace bien parado, en procurarse lo que anhela no tiene que invertir salud".

Comentarios