Opinión

Non é un xogo

“Cando era máis xove”, asevera dende hai uns días o meu fillo Airas para describir as cousas que facía no pasado. Ao principio fíxome graza pensar que fixaba a referencia da súa mocidade nos seus primeiros dous anos de existencia, pero tanto el como a súa irmá maior Mara dinamitaron a miña certeza, “Airas xa viviu toda unha vida e foi perdendo anos ata chegar aquí” dixo ela, “Cando era maior xa vivín en Asturias” dixo el. Ningún dos dous escoitou falar do relato curto escrito por F. Scott Fitzgerald e tampouco viron a película “O curioso caso de Benjamin Button” inspirado nesa historia.

Oliva, de 83 anos, acude á consulta despois de ter superado a Covid. Durante a conversa refire problemas co audiófono,  “Terei que revisalo, non fora coller o bicho coma o collín eu”, afirma tirando de retranca, a mesma que usa outra paciente chamada María para anunciar que vai pasar a verme, “empreguei fregas de caña para a dor no pescozo pero non fun quen de resolver, terás que darme algo”.

Con fregas de caña, retranca e relatos de ciencia ficción estamos a levar na Atención Primaria a sexta onda da pandemia. A masaxe e a ironía empregámolas para sobrevivir a consultas colapsadas, onde moitas patoloxías son desprazadas pola Covid dunha atención necesaria. A ciencia ficción serve tamén para informarnos a través da prensa das decisións das autoridades sanitarias ou para interpretar os constantes cambios nos protocolos  de actuación, que atenden a cuestións económicas antes que a razóns de saúde pública.  O Sergas confunde mitigar unha epidemia con agochar datos, Pedro Sánchez a gripe co coronavirus, e Feijóo as razóns de mercado coa cuestión sanitaria. Tan só así podemos intentar comprender as baixas laborais de 7 días, a operación “Salvar o Nadal II” ou a desaparición da corentena para os contactos estreitos, agás teñan algunha inmunodeficiencia ou o contaxio fora causado por un visón.

A mediados de novembro do ano pasado milleiros de persoas ateigaron as rúas de Compostela na defensa da Sanidade Pública. Entre os lemas alí escoitados Airas repite, de cando en vez, un que non deberamos esquecer, “Non se xoga coa nosa saúde”.

Comentarios