Opinión

Manual de clausura

Os representantes institucionais coñecen o tratado das inauguracións. Son unha excepción aqueles que deciden por unha placa que recolla que tal obra puido abrirse grazas ao esforzo da veciñanza. A maioría prefire verse no poleiro do pedestal, alimentando a súa vaidade aderezada cun discurso e unhas pezas da banda municipal. Outro cantar son as clausuras, onde a ninguén lle interesa saír retratado e a maioría adoita facer que fai outra cousa mentres iso acontece. 

Dentro de tres meses celebramos o II aniversario dunha pandemia que veu cambiar as nosas vidas. Facémolo nun momento récord de contaxios que están a dinamitar a primeira liña da atención primaria, extenuando a un persoal golpeado e desprazando das consultas, unha vez máis, a moitas doentes con outras patoloxías crónicas. A nova variante Ómicron driblou en exceso os nosos anticorpos naturais ou importados, pero a vacina tense amosado como unha ferramenta imprescindible para evitar as complicacións da Covid e a saturación hospitalaria. Os que resistimos nun Centro de Saúde e moitos dos contaxiados destas semanas sabémolo ben. Que tería acontecido hai un ano nunha situación como a actual sen a inmunización da poboación? De cantos mortos estariamos a falar?

Espanto, jet lag e fastío provoca nunha ampla maioría da cidadanía e do persoal sanitario o proceder dos nosos representantes nos últimos meses. O catálogo de despropósitos é variado e nel podemos atopar dende decisións condicionadas pola economía, negacionismo subvencionado na capital do imperio, parálise no goberno central ata unha gran capacidade de inventiva no presidente do país, que é quen de patentar o "toque de non queda" e pasar por responsable. Nas motivacións das diferentes maneiras de operar latexa un común denominador: decidiron clausurar a pandemia e non saben ou non queren contalo.

Polo que se ve estamos nunha nova fase na que toca aprender a convivir co virus e non renunciar á vida. Xogámonos o noso equilibrio mental nese reto. Nos vindeiros meses cómpre esixir unhas regras de xogo estables que protexan a saúde dos máis vulnerables destinando recursos para reforzar a sanidade publica. Iso, e tamén que os que mandan non nos tomen por parvos.

Comentarios