Opinión

Hoxe cando sexa mañá

A cama expúlsame do soño de Morfeo coa coartada do derradeiro día do ano, "xa durmirás no 2023" semella dicir, a sabendas de que teño un pouco de tempo libre por diante. Devagar móvome como un ninja entre as sabas para non espertar ao meu fillo Airas, o meu amante galego falante que nos seus catro anos de existencia nunca perdoou unha noite sen pasarse a este leito onde moro. No seu respirar profundo déixoo a cargo das imaxes en bucle do meu estado onírico, aquel onde habitan doentes, esperanzas, amizades, medos, cancións, compromisos políticos, arelas, amores e feridas nun "best nine" do ano acelerado que esmorece. Na lista de tarefas pendentes que alimentan o meu insomnio está tamén este artigo. Non é o mesmo escribilo dende un balance dos 12 meses que están a piques de rematar que facelo na melancolía do 1 de xaneiro, data límite da entrega do mesmo. Dende esa paisaxe xa me lerán as que teñen a ben recoller estas palabras cada martes na páxina do Nós. Estas datas non deixan de ser unha pequena viaxe de ida e volta no tempo.

Acendo o motor vital no ritual do café, doulle os bos días á Moura con dúas galletas despois dunha noite onde asubiou o vento e cometo o erro de abrir a prensa; "Los Morancos, Ana Obregón, Risto Mejide, Pedroche, Mariló Montero y Paco Lodeiro, en las campanadas", "Anne Igartiburu tomará las doce uvas junto al presentador Ramón García en el canal de Twitch de Ibai Llanos". Falta o Gayoso e o regreso de X.R.G Besteiro para dar por inaugurado o 2013, musito aborrecido con esta liña de tempo que nos tocou no reparto do multiverso. Canso de que nada mude saio a correr polo monte na compaña dun disco, mentres cavilo nos bos desexos para o futuro.

Ao entrar pola porta da cociña de regreso, atopo á Mara e ao Airas agardando polo seu almorzo sentados na mesa. O aire amainou e unha tímida raiola cóase pola fiestra durante uns segundos antes de que comece a choiva. Reparto bicos de bos días e pregunto se están preparados para despedir o 2022. Nese intre o cativo érguese, achégase a min, busca refuxio nunha aperta mentres murmura no meu ouvido; "pai, hoxe cando sexa mañá prométesme que iremos explorar?".

Comentarios